Cuntis: un pleno simbólico para restituír a corporación republicana represaliada polo golpe franquista

A bisneta de Manuel Rodríguez, alcalde asasinado polos fascistas, tomará parte n acto, e outros familiares de veciños represaliados polo franquismo estarán no acto, que será o sábado 31 de outubro.

O Mes da recuperación da Memoria Histórica de Cuntis vai ter un broche especial este sábado, 31 de outubro, coa celebración dun pleno simbólico para restituír a derradeira corporación da II República neste concello, destituída e represaliada polo golpe de estado franquista de 1936. O acto decorrerá na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres. Estará presidido polo alcalde, Manuel Campos Velay, que abrirá unha quenda de intervencións dos portavoces dos grupos con representación na actual corporación. Posteriormente será a quenda de Vanessa Fuentes Guerra, bisneta de Manuel Rodríguez, Alcalde republicano en 1936 e asasinado polos franquistas, que abrirá unha posterior quenda de intervencións de familiares de cuntienses represaliados durante a ditadura.

O acto, que estará acompañado pola música de Manoele de Felisa así como de Mini e Mero; rematará na Horta do Cura onde terá lugar a descuberta dunha placa que honrará a todas as cuntienses represaliadas durante a ditadura franquista.