ACOMPAñAN A HISTORIA DA GALIZA DURANTE CATRO DéCADAS

Dispoñíbeis os boletíns do Grupo de Traballo Galego

Acaban de ser recopilados e publicados na rede os boletíns históricos do Grupo de Traballo Galego en Londres.
 

Son documentos que acompañan a historia da Galiza durante catro décadas, desde 1970 a 2009 e neles fálase de nacionalismo, da Transición, da Constitución, da lingua galega, de Ramón Piñeiro e de moitos outros temas. 

O Grupo de Traballo Galego foi fundado en Londres, en 1970. Na primeira, segunda e terceira épocas publicou boletíns impresos que se enviaban por correo postal. Na cuarta e quinta épocas os boletíns publicáronse na Internet.

Os integrantes da primeira época (1970-1972) foron Fernando Pérez-Barreiro, Xavier Toubes, Teresa Barro, Carlos Durán e Manuel Fernández Gasalla e os estudos centráronse nos problemas da lingua galega. Os da segunda e terceira épocas (1979-1984) foron Fernando Pérez-Barreiro, Xavier Toubes, Teresa Barro, Manuel Fernández Gasalla, Carmen Vázquez e Ricardo Palmás. Este foi un período máis de reflexión política sobre o momento histórico do país e a evolución do galeguismo no decorrer deses anos. Os da cuarta época (2004-2009) foron Teresa Barro e Fernando Pérez-Barreiro. A quinta época empezou no 2011 e os integrantes son Inma Gil, Melissa Caramés, Raimundo Vázquez, Eva Moreda, Susana Malleiro, Adriana Páramo e Teresa Barro. 

Agora están dispoñíbeis en www.issuu.com/gperezbarreiro/stacks