Un documental reivindica o Consello da Galiza nos 70 anos da súa creación

Documentos fílmicos, testemuñas orais... compoñen ‘70 anos do Consello de Galiza. O goberno galego no exilio’, un auiovisual que pretende pór en valor o legado deste organismo e que xa se pode disfrutar. Documental no interior.

 

‘70 anos do Consello de Galiza. O goberno galego no exilio” é o documental que presenta a Fundación Moncho Reboiras conmemorando o que constituiu o organismo de representación institucional do pobo galego creado no exilio por iniciativa de Castelao en novembro do 1944. A iniciativa conta coa colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, i fai parte dun proxecto divulgativo que inclúe tamén unha exposición, a edición dun folleto e unha conferencia-coloquio.

'O audiovisual‘70 anos do Consello de Galiza. O goberno galego no exilio' pretende por en valor o legado do Consello de Galiza fronte a un "proceso de xestación da autonomía que evitou calquera referencia ao único organismo herdeiro da legalidade usurpada ao pobo galego desde 1936", ao contrario que nos casos vasco e catalán cos seus respectivos organismos equivalentes. No relato, tamén se poñen de relevo os grandes esforzos para lograr unha definitiva aprobación do Estatuto Galego polo goberno da República no exilio fronte ás actitudes negadoras de importantes sectores do mesmo. 

"Supuxo unha experiencia de case tres décadas de reivindicación que, desde unha vocación patriótica e anti-fascista fixo pervivir a nosa dignidade colectiva"

O traballo recolle, así mesmo, o traballo desenvolvido polo Consello e maila Irmandade entre a colectividade galega de alén mar. Apóntanse, tamén, as pugnas ideolóxicas no interior do organismo.  A etapa final do mesmo vén presidida polo decidido apoio ao reartellamento político no interior da Galiza a través do Consello da Mocidade.

Para isto, o traballo válese de interesantes documentos fílmicos da actividade de Castelao no exilio, xunto ás testemuñas de Manuel Mera, secretario da Irmandade Galega de Bos Aires entre 1969 e 1972, partillando militancia con Antón Alonso Ríos. Tamén de Rosa Puente, filla do galeguista Manuel Puente, alén de contar coa participación do historiador Uxío-Breogán Diéguez Cequiel.

O documental pode visualizarse xa en diferentes canles das redes sociais.