A familia do vigués Xosé Humberto Baena, fusilado en 1975, exixe ao Goberno español unha desculpa pública

Retratos dos cinco fusilados o 27-S de 1975, nunha pancarta durante unha das homenaxes no cemiterio de Vigo
Este 27 de setembro fanse 49 anos da execución de Baena e José Luís Sánchez Bravo. Amnistía Internacional participará nunha homenaxe aos dous vigueses no cemiterio de Pereiró.

Flor Baena, irmá do vigués Xosé Humberto Baena, fusilado polo franquismo hai 49 anos, remitiu esta quinta feira unha carta ao presidente do Goberno español Pedro Sánchez, á vicepresidenta segunda Yolanda Díaz e ao ministro de Política Territorial e Memoria Democrática na que lles pide unha declaración oficial que "restabeleza a dignidade, a reputación e os dereitos de Xosé Humberto Baena mediante unha desculpa pública que inclúa o recoñecemento dos feitos e a aceptación de responsabilidades", tal e como establecen as normas internacionais. Referidas aos dereitos humanos e á violación graves do dereito humanitario internacional.

"Decidín solicitar a Declaración de Recoñecemento e Reparación Persoal prevista na Lei de Memoria Democrática de 2022, que menciona a nulidade dos procesos xudiciais para facilitar que o Goberno de España repare ao meu irmán", explica Flor Baena nun comunicado dirixido aos medios.

Homenaxe a Baena de Sánchez Bravo

Amnistía Internacional participará na homenaxe que a familia e as amizades de Baena organizan no cemiterio vigués de Pereiró esta sexta feira, 27 de setembro, ás 18 horas. Nese acto lembrarán Xosé Humberto Baena e José Luis Sánchez Bravo, ambos os dous vigueses, executados hai xusto 49 anos, na última etapa da ditadura franquista, logo de seren sometidos a xuízos inxustos.

O 27 de setembro de 1975, pouco antes da morte do ditador Franco, tres pelotóns asasinaron no Hoyo de Manzanares (Madrid) o antifranquista zaragozano de 27 anos Ramón García, e os dous vigueses: José Luis Sánchez Bravo, de 22 anos, e Xosé Humberto Baena, de 24. Os tres estaban vinculados ao Frente Revolucionario Antifascista e Patriota (FRAP). Ao mesmo tempo, en Barcelona, foron executados Juan Paredes, de 21 anos; e en Burgos Ángel Otaegui, de 33, pertencentes a ETA.

Sánchez-Bravo foi acusado polo réxime, nun xuízo sen garantías e sen posibilidades de defensa real, de facer os informes que terían posibilitado o asasinato do tenente da Garda Civil Antonio Pose. O aragonés Ramón García foi acusado do asasinato.

Xosé Humberto Baena foi acusado por un delito do que era inocente: a morte do policía Lucio Rodríguez, a 14 de xullo de 1975 en Madrid. Naquel momento Baena estaba en Portugal, "aínda que as probas abafadoras da súa inocencia foron ignoradas na farsa de xuízo á que foron sometidos", lembrou a súa irmá nun escrito divulgado con motivo do 45 aniversario do seu fusilamento.

Memoria Democrática

"Amnistía Internacional valora positivamente a Lei de Memoria Democrática de 2022 que supón unha mellora respecto da Lei de Memoria Histórica de 2007", sinala Isabel Flores, Coordinadora de Amnistía Internacional Vigo, quen destaca que "a lei inclúe medidas importantes e necesarias como recoñecer a responsabilidade do Estado respecto das tarefas de procura, exhumación e identificación de persoas vítimas de desaparición forzada, así como a restitución dos seus restos ás familias, un labor que leva recaendo durante décadas nos propios familiares e asociacións privadas", así como a declaración de nulidade das sentenzas ditadas no marco de procedementos inxustos durante a Guerra Civil e o réxime franquista.

Porén, lamenta Flores, a norma non garante o acceso a xustiza das vítimas "porque non elimina os obstáculos á investigación xudicial dos crimes de dereito internacional cometidos en España no pasado, algo que recomendou Nacións Unidas en numerosos informes desde 2008, ao sinalar a necesidade de privar de efectos á Lei de Amnistía de 1977 de forma que non poida ser aplicada polos tribunais españois para impedir o axuizamento destes crimes".