Ferrol acolle a presentación do monográfico de 'Terra e Tempo' dedicado a Vicetto

O segundo bicentenario do nacemento de Vicetto deu pé a un proceso de restauración da súa figura impulsada polas asociacións Ferrolterra Antiga e Medulio. Agora, a revista Terra e Tempo achega 12 estudos sobre a produción histórica, literaria e xornalística deste intelectual galego inxustamente esquecido

Vicetto
photo_camera Manuela Santalla, Manuel Rei, Antonio Casal, Germán Castro, Guillermo Llorca, Pilar García Negro, Esperanza Piñeiro e Francisco Rodríguez na presentación en Ferrol do monográfico do ‘Terra e Tempo’ dedicado a Benito Vicetto. (Foto: Nós Diario)

O Antigo Hospicio de Ferrol acolleu esta quinta feira a presentación do novo número da revista Terra e Tempo, un monográfico dedicado a Benito Vicetto. A publicación recolle os relatorios presentados nas xornadas organizadas na cidade de Ferrol entre os meses de marzo e maio polas asociacións Ferrolterra Antiga e Medulio. As palestras facían parte dun amplo programa de actos promovido por estas dúas entidades con motivo do segundo centenario do nacemento de Vicetto e dirixido á recuperación social e institucional da súa figura.

Francisco Rodríguez, presidente da Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas, entidade editora da revista; directivo da asociación Medulio e autor dun dos traballos recollidos na publicación, sinala a Nós Diario que as entidades impulsoras das xornadas sobre Vicetto entenderon que o bicentenario do ferrolán “era mesmo unha oportunidade para reivindicar a súa figura e a súa obra, tan inxustamente arrombadas no esquecemento e mesmo denigradas con ignorante soberbia”.

O número de Terra e Tempo presentado esta quinta feira e titulado 'Benito Vicetto conciencia histórica da Galiza', inclúe 12 traballos centrados na actividade de Vicetto como historiador, escritor e xornalista. Os mesmos están asinados por Antonio Casal, Xermán Castro, Xosé Ramón Freixeiro, Pilar García Negro, Ruben Ladisbal, Guillermo Llorca, Esperanza Piñeiro, Manuel Rei, Juan Renales, Elia Rico, Francisco Rodríguez e Manuela Santalla. Unha lectura destes artigos permite observar o alcance da obra inxente deste polifacético escritor galego.

A obra de Vicetto

O ensaísta Franscisco Rodríguez sinala entre os logros de Vicetto “asentar a necesidade dun xornalismo galego, pois a el se lle deben diversos proxectos periodísticos que encabezou e dinamizou, nos que a defensa do país foi a súa motivación e a lingua galega tivo a súa presenza, en especial na poesía”. Na mesma dirección, destaca “elaborar a primeira Historia de Galicia, merecente de tal nome” e “a súa obra, como novelista, a todas luces pendente dunha revisión crítica que a explique dentro do contexto en que foi publicada e a valore na súa vixencia hoxe”.

A produción historiográfica de Vicceto responde á vontade de construír unha historia da Galiza evidenciando a intencionalidade e contradicións do discurso histórico español naquel momento en fase de elaboración para xustificar o Estado centralizado impulsado polos liberais. Malia as súas pexas -comúns ás obras do momento e recoñecidas polo propio autor- unha parte importante das súas teses  esenciais, sobre todo para o período medieval, están plenamente vixentes. No seu haber, atópase o mérito de ser o primeiro historiador en verificar a existencia dun reino galego.

O medievalismo vicettiano expresa, de forma nidia, a súa radical desconformidade coa narrativa histórica que se foi consolidando en España, en detrimento e anulación do relevo do reino medieval galego”, explica Rodríguez, que significa que “o mérito de Vicetto non estivo só en denunciar e evidenciar esta eliminación de Galiza, contra a verdade histórica, senón en demostrar que o reino medieval galego era unha entidade política de rango superior ao da cidade de Oviedo ou León, que as incluía, situadas no espazo galaico suevo-romano, e estratéxicas respecto da Galiza nuclear lucense e bracarense”.

Vicetto é autor dunha ampla obra literaria, que nalgún casos resultou un auténtico fenómeno social no seu tempo. O seu mundo creativo recorreu xéneros do máis diverso, destacando a novela histórica, onde deixou títulos como Los hidalgos de Monforte, que como lembra a profesora Pilar García Negro no Terra e Tempogozou de gran predicamento no seu tempo, como o demostran as catro edicións da obra en vida do autor”. Porén, como denuncia Francisco Rodríguez “o borrado que padece na historia literaria española como novelista” é evidente.

Unha obra diversa

O atrevemento é aínda maior en El cazador de fantasmas, que trata abertamente o tema da homosexualidade masculina e feminina”, apunta o investigador Juan Renales, que destaca a riqueza e a diversidade de temáticas da obra literaria de Benito Vicetto, onde advirte  “á vez unha vontade de innovación, unha coincidencia con tendencias literarias que eran actuais e mesmo que agromaban nos anos de grande actividade que precederon a súa morte”.

O xornalista

A obra xornalística de Vicetto, espallada en opinión de Dionisio Gamallo en mais de 70 publicacións da Galiza e do Estado, responde a unha aposta política por Galiza ou como el mesmo afirmou “a levantar o seu espírito nacional, lembrando a súa vida independente e as súas tentativas de independencia”.   

Benito Vicetto entendeu o xornalismo como unha ferramenta necesaria para dar a coñecer a súa obra, para dar a coñecer as súas ideas e para pór en valor a Galiza. É dicir, como plataforma ideolóxica”, asevera o xornalista Xermán Castro, que conclúe que “neste contexto moveuse na Galiza, pero tamén no exterior”.

Un intelectual galego fronte ás súas contradicións

O figura de Benito Vicetto, non exenta de contradicións e inxustamente tratada, é chave para explicar o proxecto patriótico nas décadas centrais do século XIX e comprender o esforzo das primeiras xeracións nacionalistas por dotar Galiza dun relato histórico, que cuestionase a historiografía españolista e sustentase un proxecto político de restauración nacional.

Situado nas posicións da esquerda da época, testemuñada polo seu republicanismo e o seu anticlericalismo, que mereceu a condena das autoridades eclesiásticas, o historiador e escritor Vicente Risco cualificouno como “nacionalista avant le mot no sentimento e aínda na expresión, porque moitas veces se non se manifesta como un nacionalista do porvir, é polo menos un nacionalista do pasado. Soñaba quizais na historia o que non se atrevía a agardar para mañá".

O ensaísta e presidente da Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas, Francisco Rodríguez, apunta que “no sentimento e na orientación intelectual era Vicetto radicalmente nacionalista; porén, actuaba sempre como dique a españolidade en construción que chegara a outro fito no século XIX, coa creación do Estado centralista, resultado, desde a súa perspectiva, do progreso evolutivo da historia”.

Comentarios