Galegos en Xibraltar, por Xoán Costa
No sistema de transporte marítimo da segunda metade do século XIX, quer de mercadorías quer de pasaxeiros, Xibraltar ocupou un posto relevante e as toneladas de carbón necesarias para mover os barcos a vapor que ían cara a Suez e o Índico, ou cara a América, requeriu unha cantidade inxente de man de obra. A falta de espazo nos peiraos terrestres fixo que o carbón se armacenase en barcazas, máis dun cento, ancoradas na baía. Os centos de homes que cargaban carbón supuxeron a punta do movemento obreiro, e entre eles houbo varios millares de galegos.
As condicións de traballo eran duras e as greves foron constantes.
En abril de 1892 Diario de Cádiz informa de que “a greve de carboeiros chegou a fin. Un destes días reanúdanse os traballos despois de chegar a unha transición cos señores comerciantes, que acordaron non ter empregados máis de vinte galegos cada un a bordo dos seus pontóns”.
O acordo non debeu durar moito xa que en 1898, máis unha vez, os braceiros que se dedican á carga e descarga de carbón declaráronse en folga, unha folga tumultuosa e chea de atropelos, segundo a prensa, o que obrigou á intervención das forzas de orde.
Unha das razóns, agora, era “que había na praza unha colonia de seiscentos galegos, que se dedican a facer este traballo (o de braceiros) e que os prexudican enormemente”. Un grupo de operarios achegouse ás oficinas de Mateos e Fillos, para que os galegos que contrata dita casa cesasen nestas operacións e finalmente fixouse (como suceder xa en 1892) en non máis de vinte galegos por contratante. A outra razón, seguramente a máis importante, era debida a que case sempre os contratistas pagaban os obreiros en moeda española mentres que o goberno inglés lles pagaba a eles en moeda inglesa, gardando para propio beneficio a diferenza do cambio.