A guerrilla do ‘Segura’ retorna á Ribeira Sacra

Asistentes ás xornadas sobre a represión e a resistencia na Ribeira Sacra organizadas por Interior Galego Vivo en Chantada. (Foto: Nós Diario).

É un dos nomes imprescindíbeis da resistencia antifascista nas comarcas do Bierzo, da Ribeira Sacra e de Valdeorras. Demócrata dunha soa peza foi un dos últimos guerrilleiros en ser executado pola ditadura.

Fermín Gutiérrez Lada será para sempre “O Segura” na memoria das xentes das Ribeira Sacra e Valdeorras. Unha figura inesquecíbel da insurxencia galega encadrada naquelas filas da II Agrupación do Exercito Guerrilleiro da Galiza, liderada por Manuel Girón e apoiada por centos de enlaces.

O historiador Santiago Macías desvelou este sábado nunha palestra en Chantada, promovida por Interior Galego Vivo, algúns capítulos da traxectoria vital  deste guerrilleiro asasinado polas forzas de seguridade españolas o 10 de outubro de 1953 no lugar de Argozón, no municipio de Chantada.

Macías sinalou a Nós Diario que Fermín Gutiérrez “era natural de Sama de Langreo, en Asturias e a súa ideoloxía comunista levouno a sumarse ao exército popular e combater aos fascistas durante da guerra, alcanzado o grao de sarxento como integrante da 28 Brigada Mixta”.

“Unha vez derrotada a república comeza unha dura represión contra a súa familia, que remata co asasinato dalgúns dos seus irmáns”, apunta Macías, quen indicou que “O Segura” foi encarcerado e, posteriormente, internado na colonia penitenciaria  de Duro-Felguera, en Sama de Langreo.

“O Segura” marchou ao Bierzo, onde actuou como enlace da guerrilla, até que após un golpe represivo contra a resistencia armada obrigouno a pasar á clandestinidade en 1946. A partir de aí, o seu nome pasou a ser un dos máis coñecidos queridos da resistencia antifascista.

Gutiérrez Lada foi, canda Saúl Maio, o único que guerrilleiro que saíu vivo o 20 de abril de 1949 da denominada batalla de Chavaga, que enfrontou nesta parroquia de Monforte de Lemos nun combate desigual a varios antifascistas agochados en dúas vivendas con forzas da Garda Civil das comandancias de Monforte de Lemos e Ponferrada, na comarca do Bierzo.

A batalla de Chavaga representou o golpe definitivo para II Agrupación do Exercito Guerrilleiro da Galiza. No enfrontamento, foron asasinados pola Garda Civil Julián Acebo Alberca, María Luísa Centeno López, Gregorio Colmenero Fernández, Evaristo González, María López Casanova, Ramón, López Casanova e Guillermo Morán.

Unha data para a memoria en Chantada

A palestra sobre “O Segura” desenvolveuse no marco dunhas xornadas sobre a represión e a residencia organizadas en Chantada por Interior Galego Vivo. As mesmas contaron con relatorios a cargo de Rafael Lobelle, Paula Baliño, Carlos Fernando Varela, Xurxo Ayán e Olga Novo.

O coordinador de Interior Galego Vivo, Antón Fente, sinalou a Nós Diario que “as xornadas están centradas en lembrar a represión e a resistencia”, mais chegando “outros temas como pode ser o agrarismo na comarca”.