A guerrilla de 'Manolo, dente de ouro' volve a Castro Leboreiro

Asistentes ao roteiro de homenaxe ao guerrilleiro comunista Victor García en Castro Leboreiro. No centro da imaxe, con caxato, o fillo do homenaxeado. (Foto: Anxo Padín)

Medio cento de persoas convocadas polo Comité de Memoria Histórica do Val do Limia percorreron este domingo a localidade de Castro Leboreiro seguindo as pegadas da guerrilla “Manolo, dente de ouro”.

A localidade de Castro Leboreiro, no municipio portugués de Melgaço, foi un lugar de refuxio para milleiros de antifascistas obrigados a escapar da Galiza dominada polo franquismo após o golpe de Estado de 18 de xullo de 1936.

O historiador e voceiro do Comité de Memoria Histórica do Val do Limia, Carlos Morais, destaca a Nós Diario, que “Castro Leboreiro como localidade de fronteira foi un lugar de saída para milleiros de persoas obrigadas a fuxir do fascismo”.

Primeiro, tras o golpe de Estado de 18 de xullo de 1936 para os demócratas galegos obrigadas a fuxir dunha morte certa, despois da caída da fronte norte no Estado á volta de 1937 para centos de milicianos do exército popular e durante a II Guerra Mundial para os aviadores aliados que fuxían da Europa ocupada”, asegura Morais.

Un destes loitadores antifascistas que chegou a Castro Leboreiro nesa época foi o dirixente comunista  Víctor García “O Brasileiro”, que ficou na memoria das xentes do Val do Limia e do norte portugués como “Manolo, dente de ouro”.

O roteiro organizado na xornada de hoxe e guiado polo historiador Américo Rodrigues percorreu diversos lugares ligados á loita de Víctor García como a Loxa da Macheta ou a vivenda da súa enlace Rosa Alves “A Africana”.

Unha homenaxe a Víctor García

Morais explica que “a xornada de hoxe quixo ser unha homenaxe á figura de Víctor García, comandante do primeiro destacamento guerrilleiro da comarca do Val do Limia entre 1939 e 1943 e secretario xeral do Partido Comunista de España (PCE) na Galiza a partir dese ano”.

Víctor García era un destacado cadro comunista nado en Asturias, emigrante no Brasil desde moi novo e comisario político do exercito popular durante a Guerra Civil, que en 1939 a Internacional Comunista envía desde Francia á fronteira galego portuguesa para reorganizar a loita.

A memoria García, co seu alias “Manolo, dente de ouro”, continúa viva nas terras de Castro Leboreiro, desde onde dirixiu o primeiro grupo guerrilleiro do Val do Limia, que se mantivo activo entre 1940 e 1943.

A guerrilla de ‘Manolo, dente de ouro’

O grupo insurxente de orientación antifascista e dirección comunista que actuou nas comarcas arraianas estivo formado, entre outros, por  Rosario Rodriguez, Gabriel Hernández González, Saturnino Darriba, Ramón Yañéz Pereira ou José Rodríguez Páramo.

A sorte dos núcleos insurxentes da zona de Castro Leboreiro mudou o 2 de maio de 1943. Nesa xornada, após un xantar nunha casa de comidas da localidade, un garda fiscal tentou deter a Vítor García, que se veu obrigado a dispararlle, provocando a súa morte, para non ser arrestado.

A execución dese garda fiscal abre a porta a unha ofensiva represiva contra os refuxiados antifascistas do municipio de Melgaço. García e Yañez son cercadas polas forzas de seguridade portuguesa na vivenda Rosa Alves e tras lograr fuxir vense obrigados a abandonar a zona.

O asasinato do ‘Brasileiro’

Víctor García desprazouse a Vigo, onde comezou o proceso de reorganización do Partido Comunista de España na Galiza, que rematou coa súa elección ese mesmo ano como secretario xeral da formación. García foi executado en febreiro de 1948 en Moalde, Silleda, polos seus camaradas, atendendo ás ordes da dirección dese partido no exilio comandada por Santiago Carrillo.

A memoria de Víctor García está pendente de reparación. Mentres en Brasil o seu papel de dirixente revolucionario é recoñecido publicamente, aparecendo o seu cadro  nos locais das organizacións populares a carón de Carlos Marighella ou Olga Benario, no Estado español o PCE négase a facer autocrítica sobre a súa responsabilidade no asasinato de García, tal é como vén reclamando o seu fillo desde hai décadas.