Homenaxe na Volta dos Nove ás víctimas do asasinato no quilómetro 58

Volta dos nove
Na madrugada do 15 de octubro as forzas fascistas asasinaban no quilómetro 58 da estrada que vai de Baiona a Camposancos a nove traballadores do Val Miñor. O crime conmocionou á comarca e a volta na que atoparon o fin das súas vidas quedou na memoria da veciñanza. O domingo 15 ás 13 horas o Instituto de Estudos Miñoranos lembra a súa memoria na “Volta dos nove”.

Un monumento do escultor Fernando Casás na sobrecolledora paisaxe de Baredo lembra para sempre a memoria dos nove homes asasinados naquela tráxica volta. Tiñan todos entre 30 e 51 anos e a maior parte deles deixaron fillos menores de idade e mulleres que tiraron por eles con dor e dificultades. A volta quedou marcada na memoria dos de Baredo. O silencio teceuse sobre a historia dos nove asasinados pola furia fascista mais mans anónimas teimaron en que a historia dos nove non quedara no esquecemento. No monte que pega co acantilado aparecían a cada pouco nove cruces vermellas debuxadas sobre a pedra, unha por cada unha das víctimas. Era a homenaxe silenciosa de quen non se podía manifestar pero reclamaba xustiza para os asasinados.

Cúmprense 76 anos do asasinato dos nove viciños e, como cada anos, o Instituto de Estudos Miñoranos volve ao pé do monumento de Casás para honrar a memoria dos nove. Como cada anos, agárdase a presenza de familiares, mesmo algúns fillos que gardaron a memoria dos pais desde a infancia. A homenaxe consistirá nunha ofrenda floral máis unhas palabras de Carlos Méixome, director do IEM e autor xunto con Xosé Lois Vilar dun artigo que recolle a historia da Volta dos Nove, alén de seren promotores da recuperación da memoria do que foi un dos episodios máis tráxicos do golpe militar. Contemplan tamén un “momento de recollemento”, un elemento que ven de seu na homenaxe porque poucos espazos da memoria son tan sobrecolledores como esa Volta dos Nove que no quilómetro 58 da estrada Baiona-Camposancos.