Identificados co ADN os restos dunha terceira vítima na foxa dos sete asturianos de Celanova

Traballos na foxa do cemiterio de San Breixo, en novembro de 2022. (Foto: Comité de Memoria de Celanova)
Trátase de Baldomero Vigil-Escalera, o máis novo dos fusilados en setembro de 1939, con 19 anos. As probas de ADN foron posíbeis grazas á colaboración dunha sobriña, Pilar, que en novembro pasado se presentou no Imelga, en Verín.

O resultado das análises realizadas polo Laboratorio de Xenética Forense da USC confirman que os restos dun dos individuos exhumados na foxa dos sete asturianos de Celanova corresponden a Baldomero Vigil-Escalera Vallejo, un dos mozos asasinados o 22 de setembro de 1936 por un pelotón de fusilamento da Bandera de Falange de Marrocos no muro oeste do cemiterio de San Breixo.

A identificación foi posíbel grazas á mostra de ADN achegada por Pilar Vigil-Escalera, quen o pasado mes de novembro visitou o Instituto de Medicina Legal da Galiza (Imelga), en Verín, que dirixe o antropólogo forense Fernando Serrulla, un dos investigadores principais do equipo galego de exhumacións que coordina o Grupo Histagra da USC, con financiamento do Plan Cuadrienal de Exhumacións (2021-2024).

Pilar Vigil-Escalera; Hixinio Araúxo, secretario do Comité, e o marido de Pilar, Manuel, en novembro pasado en Verín. (Foto: Comité de Memoria de Celanova)

Baldomero Vigil-Escalera Vallejo, natural e veciño de Xixón, tiña 19 anos. Estaba no hospital o día 20 de outubro de 1937, cando a caída de Xixón, e tenta fuxir embarcado no buque Gaviota, que foi apresado o día 21 pola Armada franquista. Foi desembarcado en Ribadeo e trasladado ao campo de concentración de Camposancos, onde foi sometido a Consello de Guerra o 29 de xullo de 1938 e condenado a morte. O 25 de xaneiro de 1939 ingresou na prisión de Celanova. Nun documento da Administración que dá conta do rexistro de presos do cárcere o primeiro de setembro, o seu nome, así como os dos outros seis fusilados, aparecen sinalados.

A orde para a execución procede do capitán asesor da Comandancia militar de Ourense, e foi dada o día 21 de setembro de 1939 ao xuíz instrutor, José Bernabé Gijón. Francisco Hernández Recio era o tenente xefe do pelotón que fusilou aos sete mozos ás sete horas do día 22, despois de pasar tres horas na capela do cemiterio. Foi enterrado no mesmo foso número seis, segundo o rexistro do encargado do cemiterio, Camilo González, que o mesmo día informa á Bandera do lugar onde foron soterrados os cadáveres na "faixa de terreo comprendida no aire oeste da parte nova do cemiterio e fronte ao panteón de Don Isauro López Montero desta Vila".

Ese rexistro do encargado do cemiterio foi recuperado polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova no Arquivo Intermedio Militar Noroeste de Ferrol o 14 de abril de 2021 en cada unha das causas dos sete asturianos, grazas ás investigacións do historiador Pablo Sánchez. Semanas despois, o sábado 29 de maio, o Comité presentou publicamente o achado e sinalizou o lugar no cemiterio. En setembro dese mesmo ano, coa colaboración do Goberno de Asturias, o Comité organizou un acto de homenaxe no Instituto Celso Emilio Ferreiro, no que fora o patio da Prisión Central de Celanova, que se sufragou integramente co recadado pola venda do cartel elaborado por Baldomero Moreiras.

Celia Inés Feijóo Soto, presidenta do Comité, con Manuel Calvo, representante do Goberno de Asturias, na foxa, en setembro de 2021. (Foto: Comité de Memoria de Celanova)

A través da difusión daquel acto, familiares de dúas das vítimas: Abelardo Suárez e Marcelino Fernández, puxéronse en contacto co Comité. Do mesmo modo, o xerente do Grupo Histagra, o historiador Gustavo Hervella, e o antropólogo forense, Fernando Serrulla, entraron en contacto co Comité. Serrulla trasladouse a Xixón para tomar as mostras de ADN dunha neta de Abelardo (Graciela), e da filla de Marcelino (Josefa). Ambas as dúas foron a partir dese momento as principais impulsoras do proceso que rematou en decembro de 2022 coa intervención da fosa e a exhumación dos corpos.

O 25 de abril de 2023, nunha rolda de prensa no Liceo de Ourense, coa colaboración da asociación Amigos da República, o equipo de investigadores conformado por persoal do Grupo Histagra, da empresa que acometeu a intervención, Tempos Arqueólogos, do Laboratorio de Xenética Forense da USC e do Imelga fixo pública a comparación das mostras de ADN dos restos achados coas mostras tomadas ás familiares, con éxito de identificación en ambos os casos.

Graciela e Josefa, acompañadas por máis familiares, recibiron os restos dos seus familiares nunha cerimonia en xuño de 2023 no salón de actos da Casa do Concello de Celanova que, malia que mostraran o seus desexos de que se celebrase de forma privada, consentiron finalmente en que fose pública para seguir dando pulo ao traballo de busca das outras cinco familias.

Así, no outono de 2023, e grazas a investigación da xornalista Patricia Martínez, da Radio Televisión Pública de Asturias, e do inxente labor de divulgación de Fernando Serrulla, foi localizada Pilar Vigil-Escalera, sobriña de Baldomero Vigil-Escalera Vallejo. Sete meses despois, os resultados do ADN confirman que os restos analizados correspóndense cos de Baldomero.