O motín que revolveu Pontevedra contra os consumos en 1892

A ponte da Barca, nunha imaxe de finais do século XIX, foi escenario destacado do conflito. (Foto: Zabala).

O 22 de xullo de 1892, Pontevedra revolveuse nunha protesta que pasou á historia. O conflito enmarcouse na vaga de mobilizacións que percorreu as comarcas galegas ao longo dese ano. A acción dos activistas anarquistas, republicanos e socialistas, nunha situación social e economicamente explosiva, botaran o resto.

A revolta pontevedresa de 1892 foi un exemplo significado da conflitividade social que afectou a Galiza na década dos 90 do século XIX e que tivo en 1892 un ano chave con protestas en localidades como Vigo, Cervo, Ourense, Fonsagrada, Castrelo de Cima en Riós, Viveiro ou Noia.

As mobilizacións non se poden disociar da conxuntura económica e da abusiva presión fiscal nun momento de caída da renda. A aposta proteccionista do Goberno do Estado para salvagardar os intereses da grande oligarquía terratenente castelá andaluza ligada á produción cerealística e a inserción dependente nunha economía mundo capitalista cada vez máis internacionalizada remataron por afogar ao complexo agrario galego.

A agricultura galega padeceu nesa conxuntura varias crises superpostas, entre as que destacaron a suba do prezo do millo, como consecuencia das medidas de apoio ao trigo castelán; a filoxera, que rematou coa viño en moitas áreas do país, e a derivada cambio de orientación do mercado gandeiro cara o ámbito peninsular, tras a perda definitiva do mercado británico, que se concretou en Galiza nunha suba do prezo da carne e do leite.

A mecha que provocou o estoupido en Pontevedra foi unha alza do imposto de consumos, un tributo indirecto que estivo detrás de boa parte dos motíns que enfrontou a Galiza durante o longo período da I Restauración.

Pontevedra estoupa

O 22 de xullo de 1892, as  leiteiras e regateiras impediron o abastecemento de produtos a Pontevedra e negáronse a pagar os novos arbitrios sobre o leite e a venda do peixe, asaltando a casiña de consumos do Burgo e iniciando unha manifestación que, segundo algúns xornais, levaba unha bandeira formada por un pano vermello colocado nunha póla de xesta, con dirección á oficina central de consumos que foi saqueada.

Os días posteriores reproducíronse os incidentes nas casiñas de consumo de entrada á cidade e organizouse o boicot de leite e demais produtos agrícolas, polo que Pontevedra queda desabastecida. Nos días seguintes, foron agredidos con paus e pedradas os empregados de arbitrios e os gardas civís que os protexían, sendo reforzada a guarnición local con tropas chegadas doutras cidades até concentrar perto de 900 militares.

A protesta só finalizou unha vez que o Goberno local  asumiu as reivindicacións dos manifestantes. Así, o concello viuse obrigado a suprimir o aumento dos impostos de consumos ao leito e ao peixe, após un pulso co gobernador civil que rematou por ser cesado pola súa xestión do conflito.

Unha dura represión

A actuación do gobernador conservador Sabino González Besada, tío de Augusto, e do comandante militar da praza, Teodorico Feixó, mereceron a contestación xeneralizada dos pontevedreses, particularmente pola súa actuación nos sucesos acontecidos o 24 de xullo. Antes de impor a lei marcial e declarar o Estado de guerra non dubidaron, en ordenar abrir fogo contra o pobo, provocando a morte dun ancián.

A represión afectou a ducias de cidadáns, ficando feridos de gravidade varias persoas, entre elas o concelleiro republicano Manuel Ferro e a súa filla de dous anos, Manuela Beloso, un militante republicano apelidado Tobío e unha nena de cinco anos natural de Lérez, cuxa vida correu perigo.

Libertarios, republicanos e socialistas

A revolta de Pontevedra non se explica sen a acción dos cadros republicanos, socialistas e libertarios. Á volta de 1977, Xosé Antonio Durán, no seu clásico traballo Agrarismo y mobilización campesina en el pais gallego (1875-1912), xa sinalou que “1892 é un ano chave para comprender a confluencia das tres tendencias (concentración anarquista, progresión socialista e activismo republicano)”.

Xosé Álvarez, nun traballo sobre o masacre de Salcedo de 1894, foi quen demostrou esa participación dos militantes operarios e agrarios nas protestas vividas nesa década na cidade, ficando acreditado que á altura de 1892 xa se contaba na mesma cun vizoso movemento asociativo, con diversas sociedades operando nas súas parroquias desde 1899.