O martirio do bo de Rosendo Vila

Rosendo Vila durante a súa etapa á fronte da alcaldía de Monforte. (Foto: Cedida).

O sete de setembro de 1936 era asasinado polos falanxistas na súa casa do Morín en Monforte de Lemos , Rosendo Vila. 88 anos despois da súa morte recuperamos a memoria deste demócrata de centro cuxo crime continúa sen aclarar.

Foi con Julio Tizón Herreros o alcalde do Monforte republicano que deixou máis pegada. Nado no concello de Bóveda (comarca de Lemos) en 1886, emigrante en Cuba durante décadas, onde se dedicou ao xornalismo e aos negocios e residente na cidade do Cabe desde os primeiros anos 20, ficou na lembranza das xentes da comarca de Lemos como un home, esencialmente, bo.

Demócrata de centro e republicano moderado, comezou a súa militancia política no Partido Republicano Radical, promovendo o semanario político El Combate, onde deixou testemuño da súa formación cultural e das súas preocupacións ideolóxicas. Ante a deriva reaccionario do Partido Republicano Radical rematou por incorporarse a Unión Republicana, a facción más a dereita da Fronte Popular.

Vila chegou á Alcaldía de Monforte de Lemos  o 6 de febreiro de 1935, manténdose á fronte do Goberno local até o 17 de xullo de 1935. Neste breve período, promoveu  obras de traída de augas, melloras e hixiene de rúas e colexios ou  a creación dunha Casa de Socorro que funcionaba como unha clínica de emerxencia, non dubidando en dedicar para iso o local da capela do antigo hospital de Sancti Spíritu ocupado pola igrexa.

A oposición da reacción

A súa etapa á fronte da Alcaldía non foi doada. Alí debeu enfrontar a oposición dos sectores máis reaccionarios da localidade organizados no Partido Agrario Español (PAE) de Martínez de Velasco, liderados por Andrés Gil Municio, que o 22 de abril de 1935 chegaron a ocupar a Casa do Concello e o propio escritorio do rexedor, que non dubidou en ordenar a detención do seu líder.

Andrés Gil-Municio, un avogado natural de Segovia, titular de grandes extensións de terreo na comarca de Lemos, antigo deputado provincial durante a ditadura de Primo de Rivera e persoa de referencia da dereita na cidade durante a década dos 30 non dubidou en pór a estrutura do PAE ao servizo da conspiración contra a república e da represión a partir de 18 de xullo de 1936.

Vila, persoa de orde pero demócrata convencido, non tardou en converterse en obxectivo dos fascistas após o golpe de Espado de 1936. Así, o sete de setembro dese ano, un grupo de falanxistas desprazáronse á zona onde vivía e a consecuencias dos disparos efectuados deixaron morto ao antigo alcalde monfortino na casa onde residía coa muller e a filla.

Os verdugos de Vila

A causa 1303/36, onde se analizan as circunstancias da morte de Vila, sinala que a escuadra dereitista estaba encabezada por Manuel Díaz GómezO Chaquetón” e Carlos Baamonde Guitían. Este último, testemuñou no referido procedemento que mandaba o grupo de falanxistas que se desprazaron  o 7 de setembro de 1936 á casa  de Rosendo Vila e remataron por provocarlle a morte  a consecuencia dos disparos efectuados.

O mellor coñecedor da figura de vila, o avogado e investigador monfortino José Antonio Cardelle, cualificou o procedemento aberto para aclarar o asasinado como unha mostra máis de impunidade