A memoria rebelde do “Enrique” volve ás terras de Celanova

Asistentes á palestra de Carlos Morais sobre Ramón Yáñez organizada Comité da Memoria Histórica de Celanova. (Foto: Comité da Memoria Histórica de Celanova).

Ramón Yáñez Pereira será para sempre na Galiza e no Portugal antifascista “Enrique”. O Comité da Memoria Histórica de Celanova continúa coa recuperación da súa loita e figura. O historiador Carlos Morais lembrou este domingo ao guerrilleiro monfortino  nunha palestra desenvolvida na vila de San Rosendo.

 

A figura do “Enrique” ou do “Médico” ocupa un lugar inesquecíbel na guerrilla antifascista arraiana como lugartenente do grupo insurxente liderado por Víctor García “O Brasileiro”, o dirixente comunista que ficou na memoria das xentes do norte portugués como “Manolo, dente de ouro”.

O historiador Carlos Morais entregado a unha investigación sobre Ramón Yañéz Pereira desde hai meses desvelou onte en Celanova algúns capítulos da traxectoria vital  deste guerrilleiro asasinado polas forzas de seguridade españolas o 13 de xullo de 1943 no lugar de Ansemil, no municipio de Celanova.

A descuberta do “Enrique”

Morais sinala a Nós Diario que “os traballos de descuberta de Ramón Yañéz foron comezados polos historiadores Américo Rodríguez e Román Alonso”. Precisamente, estes dous investigadores seguiron a súa pista recorrendo a memoria oral do “Enrique”, aínda moi viva nas terras de Castro Leboreiro, no municipio portugués de Melgaço”.

“Ramón Yáñez naceu en Monforte, traballou de chofer e nos anos da república emigrou a Barcelona”, indica Morais, quen apunta que “en Catalunya traballou como axente de seguridade do Goberno catalán, retornado a Galiza desde Francia, a onde fuxiu en 1938 tras a toma do territorio catalán polos fascistas”.

Yáñez Pereira atopábase en Ribadavia, na comarca de Ribeiro, por volta de 1940, onde se desenvolvía, con identidade falsa, como cobrador de tributos. Informado pola súa irmá, empregada nos xulgados de Monforte, de que as forzas de seguridade descubriran a súa identidade e ían proceder a detelo, fuxiu a Portugal.

A guerrilla de “Manolo, dente de ouro”

Morais lembra que desde “finais de 1940 aparece como home de confianza de Víctor García e participa no proceso de articulación dun núcleo insurxente de composición antifascista e dirección comunista que actuou nas comarcas arraianas”, do que facína parte, entre outros fuxidos, Rosario Rodriguez, Gabriel Hernández González, Saturnino Darriba ou José Rodríguez Páramo.

“Ramón Yáñez era un home moi querido, que axudaba en partos e en cuestión sanitarias, polo que a veciñanza de Castro Leboreiro pasou a coñecelo, tamén, como “O Médico”, lembra Morais, quen significa a súa relación sentimental “coa famosa militante antifascista Rosa Alves, “A Africana”.

A sorte dos núcleos insurxentes da zona de Castro Leboreiro mudou o 2 de maio de 1943. Nesa xornada, após un xantar nunha casa de comidas da localidade, un garda fiscal tentou deter a Vítor García, que se veu obrigado a dispararlle, provocando a súa morte, para non ser arrestado.

A execución desa garda fiscal abre a porta a unha ofensiva represiva contra os refuxiados antifascistas do municipio de Melgaço. García e Yañez son cercadas polas forzas de seguridade portuguesa na vivenda Rosa Alves e tras lograr fuxir vense obrigados a abandonar a zona.

Víctor García desprazouse á Vigo, onde comezou o proceso reorganización do Partido Comunista de España na Galiza, que rematou coa súa elección ese mesmo ano como secretario xeral da formación. García, delegado de Internacional Comunista para Portugal, foi executado en febreiro de 1948 en Moalde, Silleda, polos seus camaradas, atendendo ás ordes da dirección dese partido no exilio comandada por Santiago Carrillo.

As hipóteses dun asasinato

Ramón Yáñez dirixiuse á comarca de Celanova. Segundo Morais, “pretendía lograr a axuda dun veciño de Celanova, amigo del desde a infancia e naquela altura un importante empresario da localidade para marchar ao exilio”. Probabelmente, esta persoa rematou por informar á seguridade franquista da súa presenza na zona.

O Comité da Memoria Histórica de Celanova traballa, agora, na dignificación da figura de Ramón Yáñez. Neste sentido, tentan recuperar os seus restos mortais soterrados nalgún punto do cemiterio de San Breixo da localidade. Ao tempo, buscan  localizar á súa familia, labor para a que contan coa colaboración dos Gobernos locais de Monforte de Lemos e Celanova.