Cando Mugares se fixo respectar: A revolta da fame de 1896 que rematou con mortos

Hai 128 anos, a veciñanza de Mugares, no concello de Toén, na comarca de  Ourense, amotinouse contra a tentativa das autoridades xudiciais de facer efectivos varios embargos, resultado morto o alguacil de tributos Ildefonso Aydillo Santolalla.  

Igrexa_Mugares,_Toén
photo_camera O adro da igrexa de Mugares foi o escenario do enfrontamento entre a veciñanza e os recadadores xudiciais. (Foto: Wikipedia)

O 29 de setembro de 1896, Mugares ergueuse contra a tentativa de executar varios embargos polos impago dos foros dunha viña. Mentres unha comisión xudicial dislocada á localidade desde Ourense tentaba apropiarse dos bens duns foreiros que debían rendas ao marques de San Sadurniño, a poboación convocada polas campás da igrexa concentrábase primeiro diante da vivenda dun dos afectados, seguindo posteriormente cara o adro do templo  onde os comisionados son agredidos.

A protesta rematou con tres deles, Enrique Berejano, Pedro Cardero, Claudio Porto, gravemente feridos e un cuarto, Ildefonso Aydillo Santolalla, recadador de tributos que se tiña significado polo seu celo noutros puntos da comarca ourensá, dado finalmente por morto, descoñecéndose onde foi agochado o seu cadáver.

A prensa galega deu cumprida conta do linchamento destes catro axentes da autoridade, sinalando El Eco de Santiago, no seu numero de un de outubro de 1896, que “foron obxecto dunha emboscada por parte dun grupo de mozos, que armados de navallas e paus arremeteron furiosamente contra eles”.

A represión

A represión non se fixo agardar. 29 persoas, 16 delas mulleres, foron conducidos á prisión de Ourense, onde foi mesmo recluído durante semanas o crego de Mugares, acusado de colaborar na morte  de  Ildefonso Aydillo, sendo procesados e absoltos en 1898, ao non poderse demostrar a súa participación na execución de Aydillo ao non aparecer o seu corpo.

A maior parte da veciñanza fuxiu de Mugares agochándose nos montes próximos, sendo un deles asasinado en abril  1897 pola Garda Civil. Precisamente, a esta persoa definiuna o xornal El Lucense como “ un carácter aflixido, autentico terror de la comarca e embriagado coas ideas de Marx”.

A presenza de militantes socialistas no núcleo reitor da protesta resulta máis que probábel, destacando tamén o papel das mulleres, sendo unha delas sinalada como a persoa que tocou a campá da igrexa para avisar á veciñanza , destacando entre estas Leocadia Cruz e Benita Borraxo “A Carrabana”.

A loita continúa

A loita da xente de Mugares continuou. Á volta de maio de 1997 El Eco de Santiago, deu conta de que tres parellas da garda civil presentáronse outra vez na localidade para proceder ao cobro das débedas “que  deron orixe o tristemente celebre motín de Mugares”, sinalando que os veciños fuxiron ao monte, practica normal neste tipo de conflitos, para evitar recibir os avisos co que comezaba o procedemento legal de embargo.

El Eco de Santiago, neste número de maio de 1897, subliñou  o malestar social existente, sinalando como responsábeis da revolta de 1896, a Ricardo “Durufaina”, os irmáns Manuel, Maximinio e Leocadia Cruz, Benita Borraxo “A Carrabana” e Manuel Vilamarín “Mallas”, como os promotores.

A prensa republicana catalá, neste caso La Autonomía de Reus, informou  o 22 agosto de 1897, que “en Mugares (Ourense) é desoladora e aflitiva a situación da maioría daqueles labregos. A miseria e a pobreza mandan naquel  pobo”, sinalando que “a persoas que levan 48 horas sen comer obrigáselles ao  pago de cédulas persoais con todos os cargos”,

Unha vaga de protestas asociadas a filoxera

A revolta de Mugares enmarcouse na vaga de protestas que percorreu ás comarcas galegas que se dedicaban á actividade vitivinícola en réxime de monocultivo, afectadas naquela altura pola filoxera, que veu agravar aínda máis a situación económica

A filoxera era un  insecto de orixe norteamericano que provocou a morte da vide europea ao atacar as raíces, situándose a súa chegada a Galiza á volta de 1882, penetrando primeiramente pola área de Monterrei, seguindo a mediados da década á zona da Ribeira Sacra, O Ribeiro  e Valdeorras, chegando máis tarde á comarca d´As Mariñas.

As consecuencias desta pandemia foron dramáticas ao deteriorar de xeito definitivo as condicións materiais de existencia  aumentando a mortalidade por efectos da desnutrición nestas comarcas, privando aos campesiños do seu único medio de ingresos e provocando a expulsión das terras que traballaban aforadas e favorecendo a despoboación masiva destas zonas.

A acción dos activistas republicanos e socialistas, nunha situación social e economicamente  explosiva, botaran o resto. A este respecto, La Autonomía de Reus apuntou en relación co conflito de Mugares que era unha “de anos onde os de abaixo só teñen o alento da conxunción republicana socialista”.

Comentarios