As mulleres das Irmandades, precursoras da igualdade
A Gentalha do Pichel homenaxea Maria Miramontes, Amparo López Jean, Micaela Chao Manciñeiras, Elvira Bao, Pura Lorenza, Coroa Gonzalez entre outras.
O centro social compostelán, A Gentalha do Pichel, organiza un acto de conmemoración das Irmandades da Fala no que focarán a atención no papel das mulleres que fixeron parte das mesmas. Desde a Comisión de Histórica da Gentalha aseguran que as institucións públicas e culturais que están a promover homenaxes e eventos arredor do centenario das Irmandades non están a "prestar a debida atención ás mulleres da fala o que evidencia que continuamos en moitos aspectos igual que neses anos de principios do século XX".
No acto, intitulado 'Irmandades em lilás' estarán presentes Comba Campoy, Encarna Otero e Susana Aríns. Terá lugar na Rúa do Vilar o 27 de maio a partir das 19 horas.
No número 196 do semanario en papel, Sermos Galiza dedicou un caderno monográfico á Galiza das irmás, no que se repasa a figura das mulleres que fixeron parte das Irmandades mais tamén do ideario político destas agrupacións que situou a igualdade das mulleres no primeiro plano das súas reivindicacións políticas.