148 aniversario

O masacre de Maceda de 1870

A represión do motin de Maceda. Ilustración de Antonio Seijas

Fai parte do malfado da nosa historia rebelde e por iso non existe. Perdeuse canda as súas  irmáns de Quiroga, Monforte de Lemos, Palas de Rei, Ribas de Sil, A Estrada ou Vimianzo e con ela a memoria dunha Galiza viva e insubmisa. 

O masacre de Maceda de 1870 non atopou acubillo na historia, indiferente a un relato que evidencie, de aconte e divulgue as resistencias e carácter conflitivo da inserción do pobo galego no Estado español. Ficou esquecido no cuarto dos trastes vellos  porque explica as fendas abertas na nosa sociedade como consecuencia da articulación do proxecto unitario dos liberais, formulado nas décadas centrais do século XIX. Agarda por alguén que lle escriba, para esclarecernos que a conformación do estado centralista é a outra cara da moeda dunha nova fase de desenvolvemento do modo de produción capitalista. Quere falarnos para aclararnos que o modelo fiscal iniciado coa reforma tributaria de 1845 é un chanzo central no deseño uniformizador, no espolio económico e na descapitalización dos sectores emerxentes da economía galega de carácter non intermediario.

 

O vinte e dous de marzo de 1870, tropas do exército e da garda civil enfróntanse aos veciños de Maceda, que viñan opoñendo unha  forte resistencia á política fiscal do goberno, rematando co asasinato de tres veciños, ducias de feridos e un soldado morto. Segundo sinalaba o vinte e cinco de marzo, o xornal republicano La igualdad  “o fogo durou doce horas, desde as dez da mañá até as dez da tarde, e ademais dos mortos e feridos por unha e outra banda, hai varias mulleres feridas de baioneta”. O propio periódico, neste caso nunha crónica do día vinte e seis, no que fala dunha batalla entre mil cincocentos veciños e as forzas da orde non dubida en sinalar que “sempre nos pareceu un absurdo e nada aconsellábel, empregar tropas do exército para cobrar contribucións, aínda menos neste momento, posto que o encargada das recadacións é o Banco de España, axudado polas deputacións e os concellos.”. Nuns termos semellantes, La discusión, dirixido na altura por Pi i Margall, defíneo de “suceso lamentábel, que non será o único se non se acometen reformas radicais no medio da horríbel crise que atravesa o país”.

 

A xornada seguinte, neste caso o vinte e tres de marzo, o gobernador civil envía reforzos a Maceda, concentrándose na localidade efectivos de carabineiros de diversos puntos da zona, entre eles os de Xinzo de Limia, e douscentos soldados do rexemento de Guadalajara, ao mando do coronel Costa, que inicia unha dura represión no concello. Outra vez La discusión, nunha peza asinada o día vinte e sete, após definir a Maceda como “a nova Numancia dos esquilmados contribuíntes”, sinala como “unha vez coñecida a chegada das tropas unha boa parte dos veciños fuxiron a refuxiarse á serra de San Mamede”, permanecendo, tal e como informa a prensa da época, agochados na mesma durante varios meses. Ao tempo, outro grupo de persoas son detidos pola tropas de Costa,  seguindo as ordes do gobernador civil presente en Maceda nos días seguintes á masacre, sendo conducidos posteriormente á Ourense, onde no mes de novembro dá comezo un proceso contra trinta e sete veciños da localidade, entre eles once mulleres, que reciben a solidariedade dos órganos de prensa do republicanismo federal.

 

A contundente acción militar non deu rematado coa protesta. Se os días seguintes a prensa fala do restabelecemento da orde, dunha situación de tranquilidade e que os recadadores estaban procedendo a cobrar aos veciños, coa axuda das unidades do exército presentes en Maceda, o sete de xuño, os xornais de Madrid, dando conta dunha nova recollida en La Nacionalidad, xornal católico ourensán, informan do reinicio das mobilizacións. Segundo sinala El Pensamiento Español, diario de orientación carlista, “…os veciños de Maceda volveron a promover certos desordes solicitando que o concello lles devolva o importe que baixo influencia e promesa da autoridade, entregaron no pago do imposto de capacitación.”, destacando a participación das mulleres, ao “atoparse fuxidos unha boa parte dos homes do concello na serra de San Mamede”. Non hai ningún dado que nos permita certificar a participación directa dos republicano federais nesta revolta, porén o nivel de organización que requiriron as mobilizacións tan masivas, a persistencia nas reivindicacións e a simpatía que denotan nos medios de prensa desta orientación fainos pensar que así fora.