A Oliveira de Teo e Ánxel Casal

Sete xornaleiros, un canteiro, un militar, dous ferreiros, un home de 36 anos e outro de 18, tres homes descoñecidos, dous homes dos que sabemos o nome mais non a súa idade nin a súa profesión, un barbeiro, unha mestra, un mestre, dous propietarios, un mariñeiro, un factor de ferrocarril, un reloxeiro, un estudante, dous concelleiros, dous obreiros, un camareiro, dous labregos, un notario:  son persoas asasinadas o 19 de agosto de 1936 onde o mundo conserva o vello nome romano de Gallaecia, rexistradas na base de datos do proxecto universitario "Voces, nomes e lugares", pechado por falta de apoio económico, nunha evidente mostra de desprezo (outra máis) por parte de quen ostenta o poder autonómico, unha mostra de desprezo pola recuperación da Memoria Histórica, pola que traballamos na nosa pequena asociación, A Oliveira de Teo, e noutras moitas que se estenden polo país adiante, case todas integradas na  Iniciativa Galega pola Memoria.

Ese mesmo día de agosto aparecía aquí á beira o cadáver de Anxel Casal, que na base de datos da que falamos figura como industrial, e tamén o cadáver de José Devesa Areosa, armeiro, mortos por disparos de pistoleiros falanxistas. Desde o ano en que o noso lembrado Avelino Pousa Antelo, un home que como seguramente saben todos vostedes salvou os seus máis puros ideais de mocidade do naufraxio da vida, como as persoas que admiraba Otero Pedrayo, desde o ano que Avelino Pousa descubriu o lugar onde apareceron estas dúas vítimas da infamia, achegámonos aquí puntualmente cada ano e honramos a súa memoria e o seu compromiso. Moitas grazas ao Concello de Teo por invitar a esta nosa asociación a falar no acto deste ano.

 É un acto de xustiza que os alcaldes de todos os concellos galegos polos que pasaron os camiños da vida de Anxel Casal estean con nós, e quen organice o acto nos próximos anos mesmo podería pensar en invitar ás autoridades municipais de Bordeos de Francia e mais ás de Bos Aires de Arxentina, espazos polos que tamén andou o que foi alcalde republicano de Compostela e a quen tanto lle debemos nesta terra, entre outras cousas pola cantidade de libros imprenscindíbeis para a nosa cultura que tirou do prelo a súa editorial, como os Seis poemas galegos de Federico García Lorca, asasinado no barranco de Viznar, en Granada, o mesmo día en que asasinaron a Anxel Casal e a Pepiño Areosa a carón de onde agora estamos.

 É unha boa nova que o actual alcalde de Compostela se proclame herdeiro deste alcalde republicano, é de xustiza que o seu retrato ocupe un lugar preferente no edificio do Concello da cidade. É unha boa nova que isto aconteza, pois demostra que están vivos os valores e o compromiso das persoas asasinadas, das exiliadas, das represaliadas pola Besta 1936, (así lle chama o poeta), da Besta 1936 que tentou eliminalos, que tentou matar a intelixencia, para seguir a consigna que berrou en sede universitaria o mutilado Millán Astray, cruel militar fascista, e despois xefe de prensa da ditadura, cuxa estatua xa foi felizmente retirada hai un tempo dun parque público na cidade da Coruña, outra das cidades polas que andou a vida de un dos mortos nesta gabia da Estivada da Ribeira, Cacheiras,  Anxel Casal Gosenge.

 Na nosa asociación entendemos que este recoñecemento municipal é necesario, mais tamén pensamos que non é suficiente. Os temas relacionados coa verdade a xustiza e a reparación e as garantías de non repetición (que son os que moven ao movemento de recuperación de memoria) non son asunto de política partidaria ou programas políticos particulares, senón principios e dereitos xerais que concernen a todos. Explícao así o Relator Especial da ONU Pablo de Greiff, que visitou o Estado español nos primeiros meses do pasado ano de 2014, e que marchou sorprendido e preocupado pola actitude das autoridades españolas. Mandou despois, no mes de setembro do pasado ano, as súas conclusións, con 20 consellos, 20 recomendacións, como pode ser o da derrogación da lei de punto final, a Lei de Amnistía. Até o momento as autoridades non lle fixeron caso a ningunha destas recomendacións. Vese que nos tempos que andamos, quen goberna no Estado Español non está en absoluto interesado en que se coñeza a verdade. Máis ben demostra que está moi preocupado por ocultala amordazando a cidadanía crítica con leis que mesmo teñen aspectos máis represivos que as da propia ditadura da que é sucesora a actual Monarquía Española, leis que por certo tamén mereceron opinións en contra por parte de persoeiros que velan na ONU polos dereitos das persoas. Cinco relatores deste organismo dixeron que estas leis ameazan con violar dereitos e liberdades fundamentais dos individuos e socavan os dereitos de manifestación e expresión.O relator Pablo de Greiff na súa procura da verdade, da xustiza, da reparación e das garantías de non repetición dá estes 20 consellos para o Estado Español, e entre nós os historiadores chegan á conclusión de que o aconteceu en Galicia despois do ano 1936 foi un xenocidio: unha verdade histórica que debe ser divulgada para que sexa coñecida por toda a poboación, e que é preciso que chegue aos libros de texto, ás escolas.

 Ben sabemos que desde o movemento pola recuperación da  memoria histórica non estamos a falar de vinganza, nin de resentimentos, como intentan facer crer os que parecen seguir aquela consigna de Millán Astray de morte á intelixencia. Nós falamos de coñecer cabalmente o noso pasado, negado por unha ditadura que estableceu un férreo control do pensamento libre.

 Porque a nosa consigna é libre e ilustrada, como a clásica republicana que chama pola liberdade, pola igualdade e pola fraternidade que defendían Anxel Casal e Pepiño Areosa, as persoas que asasinaron en Galiza o 19 de agosto de 1936 e todas as vítimas da barbarie da  guerra na que o franquismo fascista tentou borrar da historia estes valores que seguen a florear hogano, que sempre defenderemos.          Moitas grazas.