Ons, fogar do prezado púrpura

Xulio César durante unha escena da serie 'Roma'. (Foto: HBO)
A illa estaba habitada desde finais do século I antes de Cristo e que nela floreceu unha importante industria de salgadura de peixe e de elaboración de púrpura.

O púrpura é a cor que se atopa entre o vermello e o azul, ou máis especificamente é unha cor maxenta escura que se atopa entre o violeta e o carmesí. O termo provén dos caracois mariños tamén chamados púrpuras (Stramonita haemastoma, Nucella lapillus), e así se denominaba tamén á cor producida pola oxidación da tinta destes caracois, (tinta de moito valor desde antigo) e ás teas tinguidas con ela.

Como as tinguiduras eran difíciles de obter, as teas tinguidas de púrpura eran extremadamente custosas e o seu uso estaba restrinxido a quen podía pagalas. Eventualmente as pezas tinguidas con púrpura adquiriron un valor simbólico, denotando nobreza. Neste sentido, en tempos da Roma imperial, por exemplo, só o emperador tiña permitido levalas.

Vitruvio, no século I a. C., relata que a coloración da tinguidura púrpura variaba entre azulada e avermellada, e atribúe esa variación ao lugar de colecta dos moluscos cos que se elaboraba; con todo, hoxe considérase que a variación podía deberse ao uso de diferentes especies de caracois (cada un das cales produce unha cor algo distinta), á mestura das tinguiduras co propósito de obter variantes de cor ou a outras particularidades do procedemento de tinguido.

Durante a Idade Media a técnica para elaborar a tinguidura púrpura clásica perdeuse, e esta foi substituída polo vermello carmín que se obtiña do quermes, unha especie de cochinilla. As onerosas pezas de gala usadas por emperadores, nobres e altos funcionarios cambiaron así de cor, mais non de nome. Aínda hoxe, unha das acepcións de púrpura é peza de vestir, desta cor ou vermella, que forma parte do traxe característico de emperadores, reis ou cardeais.

Durante o ano 2021, o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo (UVigo) levou a cabo en colaboración co Parque Nacional das Illas Atlánticas, dúas intervencións arqueolóxicas na illa de Ons (Bueu, comarca do Morrazo) para estudar a historia desta illa.

A investigación certificou "con total seguridade", segundo publicaba GCiencia, que a illa estaba habitada desde finais do século I antes de Cristo e que nela floreceu unha importante industria de salgadura de peixe e de elaboración de púrpura.

Este achado, segundo subliñaba Adolfo Fernández, o director do proxecto investigador da UVigo e Parque das Illas Atlánticas, "é de grande importancia xa que se trata do primeiro taller deste produto documentado no norte da Península ibérica".

As fábricas, apuntaba, construíronse posteriormente, xa durante o século I despois de Cristo, perdurando en funcionamento até polo menos o século IV. "Grazas á arqueoloxía sabemos que no Canexol [na illa de Ons] funcionaron dúas ou mesmo tres grandes fábricas de peixe en salgadura e de púrpura durante varios séculos", afirmaba Fernández.