O perigo de ficar á sombra dun dragón: a explicación galega dunha maldición mortal

O dragón do Monelos, no parque Europa da cidade da Coruña (Foto: Iván Méndez).
Na mitoloxía galega, "os dragóns concíbense como serpes que, ao envellecer, adquiren ás e poderes maléficos".

O dragón ten unha grande importancia na mitoloxía galega, mais alén de furibundos ataques con lume e coas súas garras, como vemos nas populares series de ficción como Xogo de Tronos, esta especie relacionase na Galiza coas maldicións e as enfermidades.

Tal e como contan Juan M. Pías Peleteiro, Miguel Blanco, Manuel Arias e José Castillo no seu artigo Interpretación popular do ictus na Galiza antiga: o mito do dragón, "o símbolo pagán do dragón permanece acantonado na medicina popular galega, transmitida de forma predominante a través da vía oral, como causante directo de procesos morbosos como o ictus", explican, e incluso relacionado con outras doenzas como a epilepsia.

"A crenza na persistencia da descendencia draconiana conserva tal vigor que, aínda hoxe, e con motivo das dúas festas tradicionais celebradas no cumio do monte, os asistentes achéganse á cova para tirar pedras no seu interior. A inmensa maioría exercita un acto automático, convertido en ritual, sen clara consciencia do que fai. Houbo un momento en que si o sabían: tirábanse pedras 'para que non saia o dragón'. E é que este, ao saír, arrastra o mal consigo", relatan os autores.

Un dos relatos orais da tradición medieval galega refírese directamente ao ictus, "ao que atopa orixe máxica na malignidade do dragón, en concreto á súa escura sombra cando se atopa en voo". Desta maneira, vemos como a superstición galega mantiña que o ictus era unha consecuencia dunha maldición derivada de atoparse baixo a sombra dun dragón.

O dragón e a 'traslatio' do apostol

Tanta é a incidencia do dragón na mitoloxía galega medieval, que "no libro terceiro do Códice Calixtino, onde se narran os feitos da translación dos restos do apóstolo Santiago o Maior desde Palestina até a Galiza, atopamos a principal referencia escrita da figura do dragón do Pico Sacro", acrecentan os autores.

O dragón do Pico Sacro "aparece citado no Códice Calixtino como impedimento á translación apostólica". Neste sentido, explica o artigo, "a interpretación da medicina precientífica do ictus na Galiza atopa, no mito do dragón, unha ponte de unión co relato lendario da translación do apóstolo Santiago". Esta relación, conclúen, serve para apoiar "a veracidade do relato da translación do Códice Calixtino, en detrimento de reelaboracións posteriores".

Serpes con ás que voan a Babilonia

O termo dragón, procedente do latino culto draco, non se empregaba na Galiza, subliña o artigo. Si becha, bicha ou serpe, isto é, serpe no idioma galego. "De feito, os dragóns concíbense como serpes que, ao envellecer, adquiren ás e poderes maléficos", explican os autores.

'Son moitos os que aseguran velas. E cando teñen as ás ben fortes, vanse voando a Babilonia, e van dicindo: A Babilonia vou / mágoa se alguén me viu de pequena / e non matoume! En Marzás contan dunha moi grande que, ao ir voando, deixaba tolleito a aquel a quen caese encima a sombra', segundo conta a lenda.

O dragón de Monelos

Outra lenda da tradición oral que rescata Iván Méndez conta a historia de Joseph Ibn Hayyim, que alá por 1471 foi ao esteiro do rego dos Xudeus do río Monelos, na cidade da Coruña. Ía, como sempre, revisar as nasas na procura do prezado manxar que comerciaba na cidade herculina. Mais este día a pesca non foi normal, pois nas nasas había un dragón. Era o dragón do Monelos. Ninguén viu o dragón máis que Joseph, e ninguén, claro está, quixo crer a este xudeu, conta Méndez. 'Sería unha anguía grande, animal!', dicían ao pescador.

"Mais o bicho que viu non era unha anguía. Era un dragón, de cores vivas! Un dragón que non esqueceu e que inmortalizou para sempre. Non no bicho que está no Parque Europa [na cidade da Coruña]: nunha das obra máis importante para os xudeus, a Biblia Kennicott, considerada como unha das obras cume da ilustración medieval, e mesmo o manuscrito sefardí máis luxosamente ilustrado", explica o tuiteiro.