A Pomba do Arco lembra a guerrilla antifranquista na Mariña

Pistola atopada en Casaio. (Foto: Metrópolis)

A casa da cultura Poeta Manuel María de Foz acollerá a proxección do documental A Cidade da Selva.

A asociación cultural A Pomba do Arco organiza na casa da cultura Poeta Manuel María de Foz (A Mariña) a vindeira quinta feira, 29 de agosto, ás 20.30 horas, unha proxección do filme documental A Cidade da Selva, coa presenza do seu director Miguel Riaño.

A Cidade da Selva é un documental sobre a historia da guerrilla antifranquista na Galiza, articulada arredor da Federación da Guerrillas da Galiza, cuxo principal dirixente foi Marcelino Fernández Villanueva ‘O Gafas’.

O filme toma o nome da principal base guerrilleira existente naquela altura no Estado, emprazado nos montes de Casaio, en Carballeda de Valdeorras. Precisamente, nesta área constituíuse o primeiro grupo guerrilleiro do Estado baixo a denominación de Federación de Guerrillas da Galiza.

O historiador Alejandro Rodríguez, a persoa que máis ten estudado a Federación de Guerrillas da Galiza, destacou que a base ideolóxica desta federación “é moi clara: o antifascismo. E isto, por riba de calquera outra formulación partidista. O  primeiro, combater a ditadura, organizarse e esperar unha mellora das condicións internacionais, despois, as formulacións ideolóxicas de cada quen”.

O historiador lembrou ademais que “a Federación vai destacar por varias cousas. Unha é a súa unidade no político, prohibindo de maneira expresa a propaganda partidista e primando o antifascismo como lema básico da súa loita. E, por outro, o seu illamento das organizacións dos exilios interior e exterior”.

 Marcelino Fernández Villanueva ‘O Gafas’ foi un importante activo da guerrilla mariñá entre 1947e 1948, cando actuou polos concellos da Pastoriza, Foz, Lourenzá é Mondoñedo. A este respecto, deixou escrito un diario da súa etapa como guerrilleiro na comarca onde tivo como base principal o concello de Lourenzá.

O diario de Fernández Villanueva recolle aspectos da súa vida cotiá por estas terras, pero tamén da súa actividade militante na zona e das súas conversas con outros guerrilleiros da Mariña, como Luís Trigo ‘O Gardarríos’, Mozart Campoamor ‘Pin’, ou dirixentes clandestinos socialistas, como José Paz.