TRIBUTO A CONCELLEIR@S E FUNCIONARI@S VíTIMAS DO FASCISMO

Pontevedra restitúe a memoria do concello de 1936

Acto de Memoria en Pontevedra / Diego Torrado

O alcalde nacionalista Fernández Lores presidiu un emotivo acto de reparación e homenaxe a concelleir@s e funcionari@s que sufriron o ataque do fascismo.

 

“Recoñecemento e respecto para quen tanto e durante tanto tempo sufriu". Esa frase escoitouse no Teatro Principal de Pontevedra a sexta-feira á noite, cando se escenificou o acordo en pleno do concello para realizar un acto de “restitución simbólica e homenaxe” aos membros da Corporación e funcionari@s represaliad@s na cidade após o golpe fascista do verán de 1936.

"Non se pode construír o futuro dun concello nin erguer un país desde o esquecemento", dixo Lores

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, cualificou a xornada como "de honra, de xustiza, de emoción e de orgullo compartido”, feito que estendeu ás familias alí presentes, que aplaudiron a iniciativa e escoitaron como o rexedor do BNG amosaba o seu orgullo por culminar un proceso de memoria histórica xa iniciado hai quince anos -cando logrou a alcaldía- posto que, segundo asegurou, "non se pode construír o futuro dun concello, non se pode erguer un país sobre o esquecemento, sobre a ocultación do pasado, sobre a ruína moral, sobre o ermo ético, sobre o sometemento, sobre o esquecemento". Neste sentido, o rexedor nacionalista resaltou a lembranza non só de nomes coñecidos daquela represión como o de Alexandre Bóveda ou “os dez do 12 de novembro”, senón tamén "todos e cada un dos obreiros e mariñeiros asasinados impunemente nas cunetas e nas rías".

Os nomes dos máis de 50 homenaxeados soaron no Teatro Principal, que rematou cun sentido minuto de silencio.

A imaxe que acompaña esta información está tirada de PontevedraViva.Com