O alcalde de Ribeira négase a cumprir a Lei de Memoria Histórica
Rexeita mudar o nome da rúa do alcalde franquista Miguel Rodríguez e promove a oposición veciñal através da Asociación de donas do fogar.
Após unha iniciativa presentada conxuntamente polos grupos municipais do BNG, PSdeG e C's de Ribeira na que exixen á corporación local --en mans do PP-- que dea cumprimento á Lei de Memoria Histórica, o alcalde ribeirense, Manolo Ruíz, iniciou un cruce de acusacións coas forzas da oposición ás que acusa de pretender "manchar" a imaxe do ex-rexedor franquista. Unha "ignominia" que, asegurou nunha carta aberta, non permitirá "mentres eu siga sendo alcalde".
O alcalde de Ribeira, Manolo Ruíz asegura que a iniciativa é unha "ignominia" coa que queren "manchar" o nome do rexedor falanxista
Desde o BNG lamentan que o alcalde "filtrara esta proposta á directiva da asoc. Amas de Casa antes de que os grupos políticos asinantes a fixeran pública" ao tempo que tamén sinten "o papel da secretaria e da presidenta de Amas de Casa, Magdalena Bringas, que empregan os seus cargos na asociación para exercer presión e coacción sobre os grupos políticos que ostentan a representación popular".
E é que as mulleres que integran o colectivo municipal de donas do fogar, "1.200 sociais e 300 persoas indirectas (maridos, fillos, pais)", din, remitiron unha misiva ao alcalde e a corporación municipal na que reclaman o mantemento da rúa dedicada a Manuel Rodríguez Bautista para o que esgrimen tres razóns.
As mulleres asociadas pregúntanse se "o concello e os seus edís non teñen outra cousa que facer" que se preguntaren por "cambios que a ninguén benefician" e instan a que "medite sobre o asunto".
A Asociación Amas de Casa defende a figura de Rodríguez Bautista: "foi un dos mellores alcaldes que se recorda"
Os grupos promotores da proposta apelan á lexislación vixente (52/2007) e ao artigo 15 da Lei de Memoria histórica no que se recolle a obriga das administracións públicas de "tomar as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar da Guerra Civil e da represión da Ditadura".
Neste senso lembran que Miguel Rodríguez Bautista foi rexedor durante 18 anos en Ribeira sendo recoñecido falanxista así como procurador en Cortes durante tres lexislaturas (1949-1959). Asemade, subliñan, mantivo cargos "en todas as esferas" do réxime ao longo da súa vida. Así pois, instan a cumprir a lexislación e a trocar o nome da rúa polo de Xosé Neira Vilas, algo que o alcalde do Partido Popular, dixo, non acontecerá "mentres eu siga sendo alcalde".
Imaxe tirada de El Correo Gallego na que se reproducen fotografías da visita de Franco a Ribeira acompañado de Miguel Rodríguez Bautista