O PP veta na Galiza unha iniciativa parlamentar para anular as sentenzas franquistas

Escudo franquista na Facultade de Químicas da USC

O BNG, responsábel da proposta, afirma que noutros territorios como Catalunya ou Baleares o Partido Popular apoiou sendas leis nas que se abre a porta para anular todas as sentencias dos tribunais franquistas.

O PP votou no Parlamento de Galiza contra unha iniciativa do BNG, e apoiada por En Marea e PSdeG, que instaba a Xunta a se dirixir ao Estado para pedir a nulidade das sentenzas dos tribunais franquistas.  O deputado nacionalista Luís Bará criticou que, “unha vez máis”, os populares veten unha iniciativa a favor da reparación das vítimas do Franquismo. O parlamentar lembrou que noutros territorios como Catalunya ou Baleares o PP apoiou sendas leis nas que se abre a porta para anular nesas comunidades todas as sentenzas dos tribunais franquistas ata 1978. “Pero aquí temos a desgraza de soportar o Partido Popular máis reaccionario, máis retrógrado e máis insensible a estas cuestións”.

 

Luis Bará avanzou que o BNG aposta por unha lei propia galega para conseguir a anulación das sentenzas dos tribunais franquistas en Galiza, como xa teñen Catalunya, Baleares ou Andalucía, mais mentres esta non existe propoñía instar ao goberno español a que actuase para deixar sen efecto esas sentenzas como reparación e compensación ás vítimas e as súas familias.  

 

“A reconciliación existirá cando se cumpran os mandatos internacionais a favor das vítimas, pero o PP permite que as feridas segan abertas”, salientou. O deputado nacionalista considera unha anomalía que 80 anos despois do levantamento fascista segan sen resolver moitas cuestións que teñan a ver co deber dos poderes públicos de facilitar a reparación e a conciliación. “É de xustiza recoñecer a estas persoas, un dereito colectivo que vai máis aló da vítimas e das súas familias, é o dereito a verdade, xustiza, reparación e a non repetición pero que o Estado español non cumpre”, denuncia.