Mesa redonda esta cuarta feira

Presentación do monográfico sobre revoltas labregas en Pontevedra

Imaxe de Salcedo (Pontevedra) a comezos do século XX.

Rebeldía galega contra a inxustiza recolle un monllo de ensaios sobre as revoltas campesiñas que axitaron a Restauración en Galiza. Editado por Sermos Galiza, esta cuarta feira preséntase en Pontevedra, ondre transcorre un dos episodios analizados: As mortes no Campo da Porta, escrito polo historiador Xosé Álvarez Castro.
 

Álvarez Castro será, xustamente, un dos participantes no acto de Pontevedra na Casa da Luz. Canda el sentarán o ex deputado do BNG, historiador e autor dun dos traballos do volume Francisco Rodríguez e o presidente de Sermos Galiza Xoán Costa. O traballo de álvarez Castro trata do conflito da parroquia pontevedresa de Salcedo, ocorrido en 1894.

 

Rebeldía galega contra a inxustiza: Salcedo, Oseira, Nebra, Trasancos, Sofán e Sobredo é o primeiro volume da colección De Nós. Monografías con perspectiva galega. Coordínao Xosé Ramón Ermida Meilán e achegan investigacións, amais de Rodríguez e Álvarez Castro, Eliseo Fernández, Xan Fraga, Xosé Manuel Sánchez, Antón Capelán e Lucía Veciño.