Presentación de 'Os nomes do terror' en Teo
O primeiro libro que recolle os nomes e os apelidos dos verdugos de 1936 preséntase esta sexta feira, 1 de xuño, na Mediateca do Grilo, en Cacheiras (Teo), ás 20.00 horas. Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron atinxiu en menos de dous meses a súa segunda edición.
Organizado pola Asociación Cultural A Oliveira de Teo, no acto intervirán dous dos 13 de autores do libro, publicado o pasado ano por Sermos Galiza. Trátase de Xosé Álvarez e de Bernardo Máiz.
Álvarez achegou o estudo Morte, tortura e corrupción. Os cívicos en Pontevedra. E Máiz, 1936-1977. Dos tribunais militares ao TOP. Son dous dos ensaios incluídos nun volume coordinado por Xosé Ramón Ermida, Eliseo Fernández, Xoán Carlos Garrido Couceiro e Dionísio Pereira.
O suceso de Os nomes do terror deu lugar a numerosas presentacións por todo o país. Ademais, a obra foi finalista na categoría ao mellor ensaio da Gala do Libro Galego o pasado 19 de maio.