Prohibición da aguillada, por Xoán Costa
“E por se algún dia chega unha ocasión
En que Xan labrego poida erguer a man
Quero unha aguillada que me sirva entón
Pra medirlle as costas a algún pillaban”
Crecente Vega
No mesmo ano en que se prohibía o uso da aguillada (1933), Crecente Vega escrebe o seu poema A miña aguillada, incluído no poemario Codeseira.
O 24 de xuño de 1933 un decreto do Ministerio de Agricultura prohibiu o uso da aguillada, esa vara comprida, podía chegar aos tres metros, con punta de ferro, que serve para picar os bois.
O Decreto establecía a prohibición do aguillón mais permitía outros métodos, incluído o bastón eléctrico, para estimular os bois. O uso da aguillada xustificábase nunha suposta necesidade de animar os bois ao traballo. A propia wikipedia, na versión en español, di: “Los bueyes necesitan que los piquen de cuando en cuando, para animarlos al trabajo y que sostengan su paso; sin lo cual aflojarían hasta el punto de no querer andar”
O decreto establece sancións que non poderán ser inferiores a cinco pesetas a primeira vez e a vinte e cinco as reincidencias. A mesma orden prohibía tamén as marcas feitas a lume.
Poderíamos pensar que esta medida estaba dirixida a evitar algunha sorte de maltrato animal mais non ía por aí a cousa. Foi unha medida levada a cabo para evitar a depreciación do coiro usado en certas aplicacións xa que son rexeitados porque, nunha proporción moi elevada, están perforados pola nefasta “aguillada” e o mercado, nestes casos, sinala un prezo inferior ao cuarenta por cento do corrente.
Quero unha aguillada que seña un tesouro
Que non teña falta desde a punta ao cabo
Feita dun caxoto de carballo mouro
Criado entre silvas nun terreo escravo
No forno escocida i escarapelada,
De freba moi limpa, dereita, sin nós.
Pulida e xeitosa. Quero unha aguillada
Das mellor feitiñas que puido dar Dios
E ben enferrada con ferrón de aceiro
Porque unha aguillada que non ten ferrón
Nin e honra do dono, nin e pau duradeiro,
Nin limpa un arado, nin fende un terrón.
E por se algún dia chega unha ocasión
En que Xan labrego poida erguer a man
Quero unha aguillada que me sirva entón
Pra medirlle as costas a algún pillaban.
Ni unha falta triste dende a punta ao cabo
Que digan os homes A vara naceu!
Feita dun caxoto de carballo bravo
Esa é a aguillada que quero ter eu