Quen foron os asasinos dos militantes socialistas de Monforte José Silvosa e Ramón Somoza?

Acto de entrega na Pobra de Brollón dos restos de Silvosa e Somoza aos seus familiares en 2018, tras ser recuperados dunha fosa común onde permaneceron soterrados durante 80 anos. (Foto: Europa Press).

13 de xullo de 1938, eran asasinados na parroquia de Castroncelos, na Pobra de Brollón, na Terra de Lemos, os dirixentes socialistas José Rodríguez Silvosa e de Ramón Somoza Álvarez. 86 anos máis tarde recuperamos a historia da súa loita e martirio e desvelamos os nomes dos seus verdugos.

A historia política de José Rodríguez Silvosa (Lugo,1907-A Pobra de Brollón,1938)  e de Ramón Somoza Álvarez (Ourense,1899-A Pobra de Brollón,1938) comezou e rematou a un tempo. Adheridos á poderosa agrupación do PSOE de Monforte, na Terra de Lemos, nos primeiros tempos da II República, partillaron aventura na loita polo socialismo, naquela cidade de ferroviarios e labregos de ben que souberon loitar e morrer. 

Silvosa, xastre asentado en Monforte desde comezos da década dos 30, fixo parte das diversas directivas locais do PSOE no período republicano, sendo persoa de máxima confianza do líder socialista, Juan Tizón Terreros, alcalde da cidade morto no exilio portugués en 1945.Silvosa, tras destacarse na resistencia ao golpe do Estado, permaneceu fuxido durante  preto de dous anos, até ser detido 11 de xullo de 1938.

Somoza e Silvosa, dous dirixentes socialistas en Monforte

Somoza acompañou a Silvosa durante os anos de fuxida e no momento da súa detención. Tratante de gando, concelleiro socialista no primeiro mandato após as eleccións de 14 de abril de 1931, foi unha peza chave na preparación da folga xeral revolucionario de outubro de 1934. Tanto é así, que a finais de setembro a Garda Civil descubriu nunha adega da súa propiedade unha grandes cantidade de explosivos, sendo detido e condenado a seis anos de cárcere.

O recibimento de Somoza, canda outros dirixentes socialistas represaliados pola súa participación na revolución de 1934, na estación do ferrocarril San Clodio de Ribas de Sil (comarca de Quiroga) en 21 de febreiro de 1936 , tras ser amnistiado após o trunfo da Fronte Popular, foi un dos grandes actos de masas do período republicano naquelas terras.

A conta atrás para José Silvosa e Ramón Somoza comezou 11 de xullo de 1938. Segundo se recolle na causa militar 576/1938, que aclara as circunstancias da morte destes dous militantes socialistas, un e outro morreron como consecuencia da aplicación da “lei de fugas” por parte da axentes dos postos de Monforte e da Pobra de Brollón.

A orde de Manuel Losada Estevez

A documentación oficial sinala que dous días despois de ser ingresados no cárcere, o 13 de xullo de 1938, o tenente da Garda Civil e subdelegado da Orde Pública de Monforte, Manuel Losada Estevez ordenou ao xefe da prisión que se “sirva entregar á Garda Civil aos presos José Rodríguez Silvosa e Ramón Somoza Álvarez”, procedendo a súa recepción o sarxento da Garda Civil, Manuel Fernández Vega.

Manuel Losada Estevez indicou nun oficio recollido na  causa militar 576/1938 que “a forza que  interviu na condución dos detidos Rodríguez Silvosa e Ramón Somoza Álvarez que foron mortos cando tentaron fuxir, segundo din conta en oficio data 14 de xullo foron: O sarxento comandante do posto desa residencia Manuel Fernández Vega e os gardas segundos Constantino Basteiro Sanfiz, Manuel Rodríguez Álvarez e Daniel Vázquez Rial, co tamén garda encargado do posto da Pobra de Brollón Pedro Díaz Díaz”.

Díaz e Basteiro, os autores materiais

Pedro Díaz Díaz, autor canda Constantino Basteiro Sanfiz, dos disparos que remataron coa vida de Rodríguez Silvosa e Somoza Álvarez testemuñou no mesmo procedemento 576/1938 que “ao chegar as inmediacións de Castroncelos o sarxento ordenou desprazar unha parella ao pobo para chamar ao pedáneo e algúns veciños… e como tardaran en regresar o citado sarxento adiantouse para ver se regresaban os citados gardas”.

Díaz continuou afirmando “que entón o declarante e o compañeiro da parella quedaron conversando cos detidos e estes ao ver que o sarxento se ausentara fuxiron en dirección a un bosque con mato, polo que o dicente e o compañeiro lle deron as voces regulamentarias á vez que chamaban polo Xefe da Forza polo que se viron obrigados a disparar”.

Os asasinatos de Rodríguez Silvosa e Somoza Álvarez responderon á lóxica e as formalidades das execucións extraxudiciais O proceso aberto na xurisdición militar para depurar as responsabilidades desta acción ficou sobresaído. O máximo responsábel do operativo, Manuel Losada Estevez, un garda civil rescatado para o servizo activo após o 18 de xullo de 1936, comprometido coa trama golpista e dunha longa traxectoria represiva continuou a súa carreira dentro do réxime.