“Saúde, camaradas! Deica a eternidade!” 80 anos do fusilamento dos ‘Mártires da Estrada’

Jesús Ignacio Puente Fontanes (Balseiros), xastre e alcalde da Estrada en 1936, fusilado xunto con cinco veciños. Imaxe tirada de de Tabeirosmontes.com

A Estrada rende homenaxe esta segunda feira ao alcalde, membros da corporación e veciños asasinados o 5 de xuño de 1937 na Caeira. O acto será ás 20:00 horas diante da Casa do Concello.

O 5 de xuño de 1937 fusilaban na Caeira seis veciños da Estrada, entre eles o seu alcalde, Jesús Ignacio Puente, xastre e membro de Unión Republicana. Canda el, os tenentes alcaldes Ramón Fernández e José Rodríguez Sangiao; e os veciños Manuel Nogueira, Cándido Tafalla, futbolista de sona; e José María Pena, que en EUA chegara a coñecer a Ford. Remataba así un periplo que comezara o 21 de xullo de 1936, con pase por diferentes prisións, entre elas a da illa de San Simón, e os xuízos militares con condena a morte aos que foron sometidos.

 

Esta segunda feira A Estrada acollerá un acto de lembranza e homenaxe a estas seis persoas organizado pola Asociación Cultural da localidade. Será ás 20:30 horas diante da Casa do Concello e consistirá na lectura pública da carta que os condenados a morte escribiran ao pobo da Estrada. Unha misiva na que asumen con orgullo o alto prezo que van pagar por defender a República fronte ao golpe franquista (“Seremos firmes e enteiros perante o piquete. Gritaremos con toda a forza dos nosos pulmóns: “viva a República, viva o Frente Popular, viva a Liberdade, viva a Democracia e abaixo os tiranos!”).

 

Piden a veciñas e veciños nesa carta que coiden das súas familias (“mirade moito polas nosas viúvas e polos nosos pequechiños, que teñan, polo menos, pan para amortecer a fame, pois quedan sen ter que comer”) e deixan un mandado: “Despois de tomardes posesión do Concello, conste esta carta, mal ganduxada, no libro de actas; que unha das rúas máis céntricas da florecente vila leve esta inscrición: “Mártires da Estrada”; e que obraredes como volo pedimos en nome da República e da democracia e do ideal que nos leva á tumba”. Despídense cun “Saúde, camaradas! Deica a eternidade!”.

 

Ningún deles cometera delito algún e foron condenados a morte por defender a legalidade vixente. Como lembran en Tabeirósmontes, portal de Asociación Cultural Vagalumes e Asociación Cultural e Ecoloxista Verbo Xido: "O 5 de xuño de 1937 confluía a sorte de seis estradenses diante dun pelotón de fusilamento na estrada que vai de Pontevedra a Monteporreiro, a beira do Lérez, na Xunqueira. Levaban tempo despedíndose dos seus amigos e parentes, mais esta última noite que pasaron en vela foi especialmente produtiva. Algún mesmo aproveitaba as notas de pago da súa última cena para escribir as que serían as últimas palabras".