Stalingrado, a batalla

Batalla de Stalingrado.

Fai setenta e cinco anos, a carón do Volga, na cidade de Stalin, remataba a nai de todas as batallas, coa derrota das forzas fascistas. Un conglomerado da internacional reaccionaria, comandada por forzas alemáns e co apoio de corpos de exercito dos réximes  totalitarios de Romanía, Italia, Hungría ou España, tentaba desde o 23 de agosto de 1942 ocupar Stalingrado, co obxectivo de apoderarse das importantes áreas económicas do Cáucaso. Fronte a eles, os habitantes dunha cidade que remataría destruída após meses de bombardeos e  loita rúa a rúa, milleiros de soldados e voluntarios procedentes das diversas nacionalidades soviéticas e a vontade, expresada na lembrada frase do xeneral Vasili Chuikov, de “defender a cidade ou morrer no intento”.

 

Durou trescentos vinte e cinco días. Arredor de 1.800.000 soldados soviéticos, 1.600 avións, 1800 carros de combate e 17.000 pezas de artillaría, enfrontáronse a unha coalición de 1.270.000 persoas, unha maquinaria aérea 2.400 aparatos, 1100 tanques e case 13.000 canóns e morteiros. Morreron 2.000.000 de soldados e civís, preto de 1.200.000 facían parte do exercito vermello e 700.000 das forzas invasoras, sumando os primeiros case 40.000 detidos, a maioría dos cales foron traslados a campos de traballo en Alemaña, e os segundos preto de 108.000  prisioneiros, cun custe de vidas e medios até o momento descoñecido. A cidade, un importante enclave industrial e de comunicacións, ficou destruída na súa práctica totalidade, a consecuencia dos ataques aéreos e dos combates nas súas rúas, diminuíndo a súa poboación a metade.

 

Stalingrado, simboliza e define a natureza da II Guerra Mundial. Unha guerra imperialista co obxectivo de redefinir e aumentar as áreas coloniais, dimensionar e abrir  mercados e fixar novas condicións para maximizar a taxa de ganancia  mediante a explotación das clases traballadoras. O fascismo, a resposta do capitalismo en crise, aspiraba, na tradición do pensamento europeo do século XIX, a resolver a súa particular “cuestión social” mediante o expansionismo colonial, desenvolvendo Hitler, en palabras de David Olusoga, “a maior guerra colonial da historia”. A Unión Soviética non só representaba unha impugnación do modo de produción dominante, senón que, tal como afirmaba Churchill, o dirixente inglés admirador de Mussolini, poñía en cuestión o sistema colonial e agrava “ a confusión do pensamento branco europeo, xerando un perigo mortal para a civilización”.

 

Abriu un novo ciclo na historia mundial. A axenda nazi fascista, aplaudida polas oligarquías internacionais, implicaba a escravitude para os traballadores das potencias hexemónicas pero particularmente para nacións enteiras. A partires da vitoria soviética en Stalingrado e da posterior derrota do  plan do Reich para Europa e do Imperio do Sol Nacente para Asia, cuxo capitulo central, segundo Cesaire, implicaba recuperar, radicalizar e estender a area de aplicación da tradición colonial, o mundo virou cara  nunha enxurrada revolucionaria que alterou a correlación de forzas no planeta. Iniciábase, logo, unha onda progresista, cuxo remate debemos fixar a comezos dos oitenta, onde a hexemonía imperialista, sometido a disputa, veuse obrigada a ceder melloras nas condicións de vida das maiorías sociais e devolver a soberanía ás nacións colonizadas do terceiro mundo.