Tui realizará unha homenaxe polos 25 anos da inauguración do seu primeiro monumento colectivo á memoria histórica do 1936

Presentación da conmemoración do aniversario do monumento en Tui (Foto: nós Diario).
Este mes cúmprense vinte e cinco anos da  inauguración o Monumento aos Represaliados, obra do escultor Silverio Rivas. Os actos decorrerán esta fin de semana.

O 27 de xuño de 1999 inaugurábase na Alameda de San Domingos da vila de Tui (Baixo Miño) o Monumento aos Represaliados, obra do escultor Silverio Rivas, por iniciativa da Comisión cidadá pola Verdade do 36.

Este mes, cando se cumpre o 25 aniversario daquela data, haberá dous actos conmemorativos. Anunciouno esta segunda feira, desde a casa consistorial,  a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, e pola parte institucional, o propio Concello de Tui. 

O primeiro dos actos será este sábado, 15 de xuño, na Sala Municipal (edificio Francisco Sánchez), coa inauguración dunha exposición. A iniciativa contará cun apartado musical, no que participarán o grupo Os Carballas e Samuel Diz, para despois realizar un acto poético no que intervirán Pepe Cáccamo, Cecilia Riobó, Francisco Álvarez Koki e Cristal Méndez, Enrique Cabaleiro (alcalde de Tui), as escritoras Marga do Val e María Reimóndez, e o escritor e xornalista, Jose Viale Moutinho.

Cuqui Piñeiro, comisaria da mostra A memoria silenciada, que se abrirá ese día, explicou que estará dividida en catro apartados: o relato da Comisión Cidadá pola Verdade do 36, a exposición das pintoras e ds pintores que formaron parte da poxa para recadar diñeiro para o monumento, unha homenaxe a Silverio Rivas e ao monumento, e por último, uns retratos das persoas represaliadas na zona.

Estes últimos, ademais, recolleranse tamén no mesmo catálogo que acompaña á exposición e que estará á disposición do público asistente.

O segundo evento será o domingo 30, e terá como epicentro a propia Alameda de San Domingo da capital do Baixo Miño.