A Xunta abre expediente á familia Franco

Por non abrir o Pazo de Meirás ao público catro días cada mes, como lle obriga a lei.

A Xunta de Galiza abre un expediente sancionador á familia Franco polos incumprimentos da lei de Ben de interese cultural (BIC), que obriga a abrir o Pazo de Meirás un mínimo de catro días ao mes. A multa vai desde os 3.000 aos 6.000 euros.

Desde hai semanas non se pode realizar reservas para visitar este inmoble, un dos que a familia Franco posúe en Galiza. É a segunda vez que a Xunta abre expediente aos Franco por este motivo. Daquela, 2015, o expediente acabou arquivándose.

As asociacións pola recuperación da memoria histórica levan anos reivindicando a restitución do pazo ao patrimonio público. “Non valen que se abra ao público catro, seis ou oito días ao mes, se a familia Franco quere veranear en Galiza, que se pague un hotel”, sinala a CRMH. “A ninguén se lle pasa pola cabeza que en Italia ou Alemaña as familias de Mussolini ou Hitler sigan gozando das riquezas que tiñan os seus parentes, máxime se esas riquezas tiñan moito que ver co estado italiano ou co alemán”, engade.