''A violencia sexual hai moito tempo que está a ser gratuíta para os agresores de mulleres''

Imaxe da loita pola terra en Guatemala
ONU Mulleres pide o remate da impunidade e reclama dos gobernos un compromiso en firme para que elas fagan parte das negociacións da paz após os conflitos, garantindo que as leis que se aproben pulen pola equidade e lles aseguren o acceso á Xustiza

As posibilidades de unha persoa ter acceso á Xustiza após un conflito depende en gran medida do seu xénero. En comparación cos homes, as mulleres vítimas de crimes de guerra teñen menos posibilidades de ver o dano reparado.

Así o manifestou Michelle Bachelet, directora executiva da axencia de Nacións Unidas para a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres --de aquí en diante ONU Mulleres-- no contexto da 67 asemblea xeral, realizada nestes días en Nova York.

"O corpo feminino continua a ser campo de batalla, e a impunidade é a regra, non a excepción", destacou Bachelet, que exixiu dos gobernos accións máis contundentes para previr e castigar as agresións sexuais en situacións de conflito.

A que foi presidenta do Chile entre 2006 e 2010 suxeriu tres estratexias para comezar a atallar o problema, iniciando por pular por unha maior participación das mulleres, dándolles a oportunidade de que as novas leis asinadas após o conflito "reforcen o seu status e promovan a igualdade a xustiza".

Os datos din que a participación delas nas últimas negociacións de paz foi inferior ao 8%. Entre @s asinantes a súa presenza foi inferior ao 3%, e nunca unha muller foi designada xefa ou mediadora nas negociacións patrocinadas por Nacións Unidas.

"A experiencia das mulleres durante e despois dun conflito continua a ser de violencia e de inseguridade", acrecentou Bachelet, que recalcou que "a violencia sexual hai moito tempo que está a ser gratuíta para os agresores de mulleres". Ao fío, reclamou tamén que as organizacións feministas conten co apoio dos gobernos para combater a desigualdade de xénero, "que torna as mulleres máis vulnerábeis".