Chávez destaca a independencia como premisa para o desenvolvemento
O presidente venezolano, Hugo Chávez, vén de presentar o seu programa de goberno nun discurso ante milleiros de simpatizantes no que defendeu a independencia do país como obxectivo cara o que mirar. Chávez chegou ao Consello Nacional Electoral (CNE) sobre un camión que saíu desde o palacio presidencial de Miraflores. No traxecto saudou euforicamente a seguidor@s que berraban o seu nome e ondeaban a bandeira tricolor de Venezuela.
A saúde do líder socialista --enfermo de cancro-- está no centro da campaña pola presidencia do país petroleiro, que culminará en outubro nuns comicios nos que o mandatario bolivariano se enfrontará ao candidato único da oposición, Henrique Capriles, e nos que buscará a reelección por un periodo de seis anos. "O 7 de outubro é a batalla pola independencia petroleira, polo control da industria, que permitiu en menos de 10 anos xerar enormes riquezas", dixo Chávez, quen lembrou que o control petroleiro por parte da empresa estatal Petróleos de Venezuela permitiu recadar 350.000 millóns de dólares.
O presidente venezolano chegou ao poder en febreiro de 1999, tras gañar as eleccións presidenciais celebradas a finais do ano anterior. Desde aquela até hoxe, para alén do control sobre os recursos propios, Venezuela eríxese en América Latina e o Caribe como un dos países líder en materia de alfabetización, pois de acordo coas últimas cifras recoñecidas pola Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) en menos de dez anos logrou alfabetizar o 95,2% da poboación que non tiña ningún tipo de instrución.