Elites do poder español participan na anual xuntanza do capitalista Club Bilderberg

Xornalistas ante a reunión de Bilderberg.

A raíña Sofía, o presidente de PRISA ou o ministro de Exteriores están en Dinamarca, onde volve celebrarse a reunión secreta d@s máis alt@s dirixentes do neoliberalismo global, que tratarán de forma privada cuestións como Ucraína ou a situación económica.

O elitista -e símbolo agochado do neoliberalismo- Club Bilderberg celebra estes días en Copenhague a súa reunión anual. Cada ano, entre 120 e 150 dirixentes -a enorme maioría non elixidos en urna ningunha- de diferentes países reúnense nun lugar do mundo entre grandes medidas de seguridade e un importante e sospeitoso misterio.

A isto contribúe que o contido do que se fala é secreto. Nesta ocasión asisten por parte das elites do Estado español a raíña  Sofía de Grecia, o ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel García-Margallo, o presidente do grupo mediático PRISA, Juan Luís Cebrián, e o director xeral da Caixa, Juan Maria Nin.

O Club Bilderberg celébrase este ano entre o 29 de maio e o 1 de xuño no hotel Marriot de Copenhague, onde se reunirán uns 140 participantes de 22 Estados. Deles 35 invitados proceden de Estados Unidos, 13 de Gran Bretaña e o resto dos principais países europeos, Canadá e China.

Entre @s participantes figura o ex-secretario de Estado norteamericano Henry A. Kissinger (cerebro de golpes como o de Pinochet en Chile), a directora xeral do Fondo Monetario Internacional (FMI), Christine Lagarde; o redactor xefe de The Economist, John Micklethwait; o ex-primeiro ministro italiano Mariano Monti; a Princesa Beatriz de Holanda; o secretario xeral da OTAN, Anders Fogh Rasmussen; o ministro sueco de Exteriores, Carl Bildt ou o presidente de Airbus, Thomas Enders, entre outros.

Total secreto

A cita anual lévase a cabo a porta pechada e non se permite o acceso á prensa. Tampouco escoltas ou acompañantes poden permanecer nas salas onde se reúnen @s participantes. Pola relevancia dos seus participantes, tense asegurado que nas reunións de Bilderberg é onde verdadeiramente se decide o destino do mundo. De feito, o club pide aos invitados que non citen o que alí se fala “para asegurar que os participantes sintan que poden falar libremente nun ambiente de confianza”.

O club Bilderberg naceu hai sesenta anos para que dirixentes capitalistas compartisen a súa preocupación "polo comunismo"

O club tivo a súa primeira reunión o 29 e 30 de maio de 1954, no hotel Bilderberg, en Holanda. O obxectivo inicial do foro era propiciar un diálogo entre líderes políticos, empresarios, negociantes, académicos e representantes de medios de comunicación de Europa e EUA. O propósito do grupo era “crear unidade ao redor dunha liña política común en oposición a Rusia e ao comunismo”. Eran os tempos da chamada Guerra Fría e a algunhas personalidades sentían preocupación que os seus negocios acabasen sendo afectados polo clima político, sobre todo no que atinxe ás demandas das clases traballadoras.

Para o encontro deste ano, fixáronse unha serie de temas de debate sobre a sostenibilidade da “recuperación económica, o intercambio de información entre servizos secretos, o futuro da democracia, as perspectivas que presenta a política e a economía de China e a crise en Ucraína”, entre outros.