IU anuncia que se absterá na moción de censura e deixará gobernar ao PP en Estremadura

Xuntanza de IU Estremadura.

@s deputad@s de Izquierda Unida na cámara autonómica renuncian de novo á formación dun goberno alternativo ao da dereita, neste caso en plena campaña das europeas, o que converterá a decisión en motivo de disputa política.

@s tres deputad@s de Izquierda Unida (IU) no Parlamento de Estremadura absteranse o vindeiro mércores na votación da moción de censura presentada polo PSOE contra o Goberno de José Antonio Monago, do PP, que así poderá seguir no seu posto grazas á decisión de IU.

O Consello Político Rexional de IU-Estremadura reunido este domingo en Mérida, decidiu co 79 por cento dos votos, e tras catro horas de deliberación, que os seus representantes voten abstención o mércores, 14 de maio no pleno do Parlamento no que se debaterá e votará esta moción de censura.

"Non a imos a apoiar porque o que ocorreu estes días en Estremadura non é unha moción", explicou o coordinador rexional de IU Estremadura, Pedro Escobar, en roda de prensa en Mérida, na que sinalou que así non se fai", xa que unha iniciativa deste tipo "ten que ter diálogo previo", e engadiu que a moción non ten programa.

A decisión de IU de volver manter no seu posto a un presidente do PP prodúcese en plena campaña das europeas, o que lle concede maior repercusión aínda e será, deseguro, cuestión central na discusión política destes días.

Na lista de IU para as eleccións do 25 de maio integrouse Anova, que colocou a Lidia Senra no posto número 5 da candidatura estatal.