O 15-M investigará a Rodrigo Rato

O movemento cidadán tentará levar o ex ministro de Economía, ex vicepresidente do Goberno, ex director do Fondo Monetario Internacional e ex presidente de Caixa Madrid a Bankia perante a xustiza.

Co suxestivo nome de Plan 15MpaRato, o movemento cidadán do 15-M vai investigar para levar a xuízo o protagonista da última desfeita bancaria no Estado español, Rodrigo Rato. Segundo informou Juan Luís Sánchez no blogue Zona Crítica de eldiario.es, os colectivos Platafoma de Afectados por Hipoteca, Democracia Real Ya, colectivo cultural Xnet ou a Plataforma Auditoría Ciudadana de la Deuda presentarán unha demanda por estafa despois de realizar unha investigación.

A nova iniciativa vai ser a primeira do 15-M que ataque directamente un responsábel político e económico

Catro fases
O plan de 15MpaRato terá catro fases previstas: solicitar información colectivamente, contrastala profesionalmente, darlle difusión pública e levala perante a xustiza. A nova iniciativa vai ser a primeira que ataque directamente un responsábel político e económico e polo que semella non vai ser a última. Para levar adiante a investigación aproveitan, segundo Juan Luís Sánchez, a colaboración de Minileaks, unha plataforma que funciona como caixa de correo de denuncias cidadás. Ademais contan xa con avogad@s e expert@s financeir@s.

(O debuxo é de agitacion.org)