ONG internacional cualifica a Unión Europea como “vulnerábel á corrupción”

Parlamento europeo.

Un informe de Transparencia Internacional advirte de “importantes deficiencias” no organismo europeo, entre as que sinala a falta de control sobre a actuación dos lobbies económicos ou as negociacións lexislativas a porta pechada.

As institucións da UE son vulverábeis á corrupción debido ás lagoas e á “mala aplicación das normas en materia de ética, transparencia e control financeiro”, segundo un informe publicado esta semana pola ONG Transparencia Internacional.

“As institucións da UE fixeron moito para poñer a súa casa en orde nos últimos anos pero estanse vendo socavados por regras complexas, a compracencia e a falta de seguemento”, dixo o director da oficina na UE de Transparencia Internacional, Carl Dolan, nun comunicado.

Transparencia Internacional ve aínda “importantes deficiencias” no sistema, como “a falta de regras jurídicamente vinculantes en materia de lobbies e a crecente tendencia das institucións da UE a negociar a lexislación a porta pechada”. Ademais, “non hai un ou unha supervisor/a independente que controle que @s ex-alt@s funcionari@s cumpran o periodo de tregua esixido antes de pasar á empresa privada”.