Os Irmáns Musulmáns, espidos de poder polos militares, gañan as presidenciais en Exipto

Imaxe da Praza Tahrir despois de coñecer os resultados das eleccións
Os axustes introducidos pola Xunta Militar na Declaración Constitucional pola que se rexe o país de maneira transitoria permiten que os militares redacten a Constitución, controlen a carteira de Defensa e xulguen civís en tribunais castrenses

A comisión electoral exipcia confirmou este domingo a vitoria de Mohammed Mursi, o candidato dos Irmáns Musulmáns, nas eleccións presidenciais en Exipto que tiveron lugar hai unha semana. Este islamista educado nos Estados Unidos prometeu defender o espíritu da revolución. Mais a súa vitoria non despexa as dúbidas ao redor do poder real que terá o novo mandatario, o primeiro escollido nunhas eleccións libres e que chega ao Goberno 16 meses despois do derrocamento de Hosni Mubarak.

Así as cousas, o Exército agardou o peche das urnas para facer pública a súa folla de ruta, que lle permitirá controlar o país tras a derrota do ex primeiro ministro Ahmed Shafiq, que era a aposta dos militares. Ao ver como lles escorregaba das mans o bastón de mando coa máis que probábel vitoria islamista, que agora se confirmou, o xeneral Mamduh Shanin, membro do Consello Superior das Forzas Armadas, anunciou uns 'pequenos' axustes na Declaracións Constitucional transitoria, en virtude dos cales serán os militares os que ostenten o poder lexislativo até a formación dun novo Parlamento, os que redacten a Constitución --podendo limitar as competencias do novo presidente e o poder do propio Parlamento-- e os que controlen o orzamento e a carteira de Defensa.

A Xunta Militar mantén, deste xeito, baixo o seu control os seus dous principais intereses: a política exterior --as relacións con Israel e as estratexias xeopolíticas-- e blindar a súa actuación en materia de seguridade. E é que á vez que asumían o control lexislativo, os militares volvían outorgarse poderes correspondentes ao estado de excepción. O ministro de Xustiza, Adel Abdelhamid, outorgou á policía militar e oficiais de investigación o poder de deter a civís, unha capacidade que fora eliminada cando a finais de maio expirou o estado de emerxencia, e que entrou en vigor de novo esta quinta.

Segundo a xunta militar, esta medida terá vixencia durante a elaboración da nova Constitución, un proceso que debería durar aínda meses, aínda que podería alargarse aínda máis se a disolución do Parlamento esténdese tamén ao comité que creou para elaborar a Carta Magna. A medida permitirá ás Forzas Armadas arrestar a civís --até o de agora só podía facelo a policía-- e procesalos en tribunais castrenses.

Varias organizacións defensoras de dereitos humanos advertiron de que convertería a Exipto nun estado militar con restricións peores aínda que as do estado de emerxencia. "Varios crimes contemplados no decreto son realmente dereitos, como a liberdade de expresión contra as autoridades ou as leis actuais, acudir a manifestacións ou facer folga", denunciaron 17 organizacións non gobernamentais locais. Co escenario que van crear, aínda cando os militares devolvan o poder lexislativo ao presidente --de momento terá só competencias executivas-- Exipto terá, na sombra, un Goberno castrense.