PSOE e PP xuntos pola 'unidade de España'

Ex-ministros de ambas as dúas formacións, entre os que destacan José Bono e Eduardo Zaplana, crean unha fundación contra as ameazas soberanistas e na defensa dos valores da Constitución española. Imaxe: CadenaSer

 

Baixo o nome de 'España constitucional' --aínda formalmente sen rexistrar-- a fundación estará conformada por 30 ex-mimistros, fundamentalmente do PP e do PSOE, aínda que tamén da extinta UCD. Ángel Acebes Javier Gómez Navarro, Cristina Garmendia. José Pedro Pérez Llorca, Marcelino Oreja, Rodolfo Martín Villa, Jaime Lamo de Espinosa ou Antonia Trujillo son algúns dos nomes que acompañan a Bono e Zaplana na súa andaina a prol da defensa dos 'valores e principios' recollidos pola Carta Magna.

Neste senso, o que fora presidente do Congreso español durante a última lexislatura de José Luís Rodríguez Zapatero, xa viña demandando nos últimos días un 'pacto' entre os dous partidos maioritarios á fin de que a "unidade de España non rache" fronte aos embites soberanistas cataláns.

Aliás, mesmo chegou a amosarse publicamente "preocupado" por un suposto xiro no ideario da formación socialistas que podería recuperar os principios federalistas no seu ideario verbo das demandas da súa militancia de base. Neste senso, José Bono considerou que tal cuestión sería "desdebuxar" o proxecto do partido nun momento de crise electoral interna. 

Segundo Bono, as pretensións secesionistas defendidas desde Catalunya constitúen "un golpe á Constitución" e deben ser compensadas coa creación desta fundación cuxo obxecto, din, será "promover e defender" a Constitución de 1978 a través de diversas actividades e publicacións.