As curiosas orixes do hóckey na Galiza abren o caderno 'Xogar' desta semana

O seareiro deportivista Jesús Suárez protagoniza as páxinas centrais do caderno 'Xogar'.

O cabodano do lendario boxeador 'Pantera', a historia de superación de Jesús Suárez, a posibilidade de que un dos mellores xogadores de todos os tempos xogase no Celta ou o aniversario dun decaído Trofeo Teresa Herrera completan esta semana o suplemento deportivo de Nós Diario, que abre cunha reportaxe histórica sobre os primeiros pasos do deporte do stick no noso país.

 

Nos anos 30 produciuse un grande avance no deporte feminino, tanto na Galiza como no resto do mundo. Mais o caso do hóckey resulta especialmente particular, pois son as propias mulleres as que se autoxestionan e crean os seus propios equipos, antes incluso de que o fixeran os homes.

Considerado pola prensa da época como unha mestura de golf e fútbol -até o punto de ser definido como "o fútbol das señoritas"-, para algunhas mulleres o hóckey era tan só unha forma de ocio, pero para outras era un vehículo para acadar maiores dereitos e autonomía.

Así, en novembro de 1932 xorde o primeiro equipo galego, o Vigo Hóckey Club, da man de Luz Vizcaíno Coloma e a curiosísima Anita Bakker -non confundir coa marabillosa cantante de soul-, unha alemá radicada en Vigo desde os cinco meses de idade capaz de falar catro idiomas, realizar estudos superiores en Alto Comercio e Economía, fundar un conxunto deportivo exclusivamente feminino que ela mesma presidía e que tiña unha directiva formada unicamente por mulleres e, ao mesmo, sentir devoción por Adolfo Hitler.

A neta do inventor do submarino

Practicamente ao mesmo tempo que o Vigo Hóckey Club nacía o Atlántida Hóckey Club. A súa promotora foi María Antonina Sanjurjo, a neta de Antonio Sanjurjo Badía, un coñecido inventor da época quen, entre outros enxeños, creou a primeira máquina de vapor galega ou un submarino que defendería as Rías Baixas dun hipotético ataque ianqui durante a guerra de 1898.

(Podes ler o artigo íntegro de 'O día que elas colleron o stick' no suplemento Xogar, no teu Nós Diario de hoxe (e de todas as terzas feiras), á venda no teu quiosque, libraría, tenda, gasolineira ou na nosa loja)

Neste número, ademais, Omar Bello escribe sobre a historia de superación de Jesús Suárez en 'Fútbol para abrir os ollos'; Rodri Suárez e Berto Villamarín deixan as súas opinións nas seccións 'Meta voante' e 'Pé a terra', e o Trofeo Teresa Herrera protagoniza o 'selfie' desta semana.

Suplementos diarios de carácter temático

Coñecer’, ‘Aprender’, ‘Xogar’, ‘Gozar’ e ‘Producir’ publicaranse de terzas feiras a sábados co diario para ampliar a información relativa a patrimonio, historia, arte, ciencia, educación ambiental, ensino, actividade física, gastronomía, enoloxía, viaxes, sectores produtivos e iniciativas empresariais, entre outros. Unha aposta de Nós Diario no marco da celebración dos seus cen primeiros números en papel.