A flota galega do cerco en pé de guerra contra as cotas negociadas en Madrid
Armadores e mariñeiros denuncian a 'discriminación' no reparto das cotas de rincha e xurelo fronte outros territorios. O BNG pide á conselleira Rosa Quintana que ''de a cara'' ante Madrid.
O reparto de cotas de especies peláxicas (principalmente xurelo e rincha -ou xarda-) feito na negociación encabezada polo Ministerio non gosta nada no sector do cerco galego. Armadores e mariñeiros consideran que Galiza saíu claramente discriminada deste reparto, no que se priman criterios que favorecen e benefician a outros territorios. Unha situación que prexudica a varios centos de mariñeiros galegos. Tamén desde a oposición, nomeadamente o BNG, vén de denunciarse este reparto, exixíndolle á conselleira do Mar Rosa Quintana que faga fronte “a Madrid” e defenda dos intereses galegos.
A fronte nacionalista lembra que na primeira negociación aos 254 barcos cerqueiros galegos t”ócalle no reparto directo un 24,8% da cota da xarda, case o mesmo que a flota de Cantábria, entre ambas non suman o 50% da flota vasca que con 53 embarcacións de cerco acapara a maior parte da cota. Unha flota, que ao contrario da galega, pode compatibilizar a súa actividade con outros recursos durante todo o ano: costeira do bonito, bocareu, etc... converténdoa nunha flota industrial cunha altísima rendibilidade mentres a galega vese abocada á “roubeta”.
Criterios sociais e económicos
Na segunda parte da negociación,engade o deputado nacionalista Daniel Rodas, é de “vergoña” que se admita “que teñan unha maior porcentaxe os datos históricos” que os económicos e sociais, pois “con este criterio”, a flota galega sometida a regulación e que non puido pescala “o esgotar as capturas antes de que a especie chegase as nosas costas, sae “trasquilada”,.
Para Rodas, os criterios que deberían de presidir a adopción de decisións de reparto de cotas debería pasar polo número de tripulantes, os GTS ou a calificación que ten Galiza de zona altamente dependente da pesca.