8.000 voluntari@s saen a preguntar polo futuro de Catalunya porta a porta

Estelada, bandeira pola independencia de Catalunya

A ANC e Òmnium comezaron en Badalona cunha campaña para saber a opinión da cidadanía namentres se levanta a acampada de Barcelona para orientarse a “outras formas de loita” dirixidas á desobedecer ao TC.

8.000 voluntari@s comezaron esta fin de semana coa 'Gigaenquisa' en 57 municipios, unha campaña para saber a opinión da cidadanía sobre o futuro de Catalunya, en defensa do dereito a decidir.

Estes milleiros de persoas saíron ás rúas dentro do marco dun proxecto impulsado pola Assemblea Nacional Catalá (ANC) e Òmnium Cultural e que forma parte da campaña 'Ara és l'hora' (agora é a hora). A campaña arrincou na cidade de Badalona, -onde goberna o PP con chiscadelas á xenofobia- con discursos das presidentas da ANC, Carme Forcadell, e Òmnium Cultural, Muriel Casals, que aseguraron que seguen traballando con "unidade e firmeza para votar e gañar o 9N".

Desobedecer

Por outra banda, a asemblea da acampada en defensa da consulta de autodeterminación decidiu este domingo levantar as tres tendas que mantiveron durante dúas noites na praza Catalunya de Barcelona para "orientar a campaña Desobeïm cara a outras formas de loita".