Artur Mas: "No proceso non sobra ninguén"
O president en funcións lanzou unha advertencia no seu discurso: "sen investidura, o proceso fica encallado".
Artur Mas pronunciou esta segunda feira (9 de novembro) o seu discurso de investidura. O aínda president en funcións dirixiuse de maneira implícita, embora directamente, ao grupo parlamentar da CUP --que rexeita darlle o seu apoio para renovar o cargo-- e asegurou que "sen investidura, o proceso fica encallado".
Mas defendeu que no camiño iniciado "non sobra ninguén" e acrecentou que "para facer o que resta por facer non serve un goberno en funcións, senón un goberno constituído".
"Só depende de nós que esta semana se orientes ben as velas para aproveitar o vento que saíu das urnas o 27-S", afirmou para reclamar o apoio da Cámara á súa investidura como president da Generalitat. Do contrario, acrecentou, "se non existe sintonía entre o timón e as velas, pode acontecer que a embarcación tombe".
A CUP nega que o proceso fique "encallado" se Artur Mas non é president
Así as cousas, Mas tivo no seu discurso un ton máis baixo que outros deputados de CDC nos últimos días cando ameazaban cun adianto electoral se non se chegaba a un acordo.
Porén, desde a CUP responderon ao aínda president que sen el "o proceso non fica encallado", dixo o deputado Albert Botran quen criticou, tamén, a "insuficiente autocrítica" de Mas no seu discurso a respeito dos "recortes" durante a pasada lexislatura.
O debate de investidura continuará mañá coa intervención dos demais grupos e a votación das candidaturas.