Un executivo catalán do sector tecnolóxico nega o saúdo a Felipe de Borbón: ''Dareiche a man cando nos deixedes votar'''

[Fenoll nunha imaxe tirada dun video de Vilaweb]

Unha gravación realizada cun teléfono móbil permite ouvir como Àlex Fenoll, responsábel dunha empresa tecnolóxica, deixa claro ao fillo do Borbón que "non somos amigos" e que lle dará a man "cando nos deixedes facer a consulta", en referenza ao referendo independentista.

 

"Non lle dou a man porque non nos recoñecen o dereito a votar". Foron os termos en que se dirixiu a Felipe de Borbón o executivo Àlex Fenoll, responsábel dunha empresa tecnolóxica, cando o fillo do Rei se achegou a el para o saudar durante unha visita protocolaria ao saló Mobile World Congress. 

E o Borbón continuou o seu camiño, saudanto o resto da comitiva. Mais no medio do corredor que lle abriran, acordou e deu volta. Dirixiuse de novo a Fenoll, quen continuaba diante do posto colocado pola súa empresa de tecnoloxía: "Amigo, por educación debes darme a man". Fenoll respondeu: "Non somos amigos e insisto en que che darei a man cando nos deixedes votar na consulta". 

O executivo estreitou a man co resto da comitiva, incluído o presidente da Generalitat, Artur Mas. En declaracións á prensa catalana, Fenoll reafirmouse no seu comportamento e concluíu destacando que "era o que faltaba! Que viñese aquí facer a foto e tivesemos que lle rir as grazas!". A breve conversa está recollida nun vídeo gravado cun teléfono móbil que se pode consultar nesta información de Vilaweb.