O catalán perde presenza en beneficio do español malia as denuncias de “imposición”

Catalunya

Unha enquisa da Generalitat afirma que o castelán creceu catro puntos máis que a lingua propia nos últimos cinco anos. Porén, desde a dereita española levan anos falando dunha suposta “marxinación” do español coa que mesmo xustifican leis como a do ministro Wert.

O 50 por cento d@s habitantes de Cataluña teñen o castelán como primeira lingua, namentres o 36 por cento usan prioritariamente o catalán. Ese é o principal dato que reflicte a enquisa lingüística que vén de publicar a Generalitat, que respecto ao anterior de 2008 -este refírese a 2013- indica que o español gañou cinco puntos namentres o catalán só un. E a comparación co mesmo traballo de 2003, hai unha década, ofrece o dato de que a lingua propia do país perdeu un dez por cento de falantes ao tempo que o castelán gañana un tres por cento.

Nos últimos dez anos o catalán perdeu un dez por cento de falantes, aínda que case o 95 por cento da poboación sabe falalo

Estes datos contradín a campaña que desde o españolismo -especialmente desde os seus altofalantes mediáticos- levan anos realizando sobre unha suposta “imposición do catalán e marxinación do castelán” e que serviu de xustificación, por exemplo, á Lei Wert, que prohibe a inmersión linguïstica en catalán que está a permitir que, a pesar de perder falantes, cada vez sexan máis as persoas que coñecen a lingua e saben desenvolverse nela, case un 95 por cento da poboación, condición que é practicamente unánime entre @s máis nov@s.

Milleiros de persoas manifestáronse en Barcelona a semana pasada en contra da redución da presenza do catalán na escola que pretende o PP.