CDC, disposta a proclamar unilateralmente a independencia de Catalunya após unhas plebiscitarias

Lluís Corominas

Mentres a imprensa unionista española bombardea con que a patronal catalá se desmarca da onda soberanista, Convergència Democràtica de Catalunya vai revelando aos poucos os seus planos.

 

Se o Estado empecer a realización da consulta do 9 de Novembro, haberá convocatoria de eleccións plebiscitarias en Catalunya. E despois dos comicios, declaración unilateral de independencia.

Segundo informa Vilaweb, a DUI (Declaración Unilateral de Independencia) viría a pór o ramo da estratexia soberanista deseñada polo partido de Artur Mas. A DUI chegaría despois de teren lugar as eleccións plebiscitarias, de acordo cun anuncio realizado polo vicesecretario de coordenación institucional de CDC, Lluís Corominas. A formación nacionalista dá por feito que o referendo non se vai realizar, dado o enroque dos unionistas.

Corominas non sitúa con precisión o momento en que se proclamaría a DUI. Só dixo que sería despois das eleccións, ás que CDC -non así o seu parceiro histórico, a UDC de Duran i Lleida- se apresentaría coa independencia no programa eleitoral, algo que a emparentaría por vez primeira na historia con ERC e tamén coa CUP.

Ter o país preparado

"Temos de ter o país preparado para esta declaración e temos que contar cun recoñecimento internacional", declarou Corominas a TV3 ao ter sido interpelado a respeito do que pasaría ao día seguinte dunhas eleccións plebiscitarias.

Porén, Corominas apostou en esgotar primeiro todas as vías de diálogo co Estado [embora esta é unha afirmación máis retórica do que outra cousa, pois CDC sabe perfeitamente que a Moncloa nunca autorizaría o referendo]. "Se nos saltamos as outras vías e imos diretamente a unha DUI ou a unhas plebiscitarias, nos equivocariamos, porque non teremos o país preparado e ningúen [ningún Estado] nos recoñecería [a unha Catalunya independente]", acrecentou.

O dirixente de CDC non tivo o menor reparo en admitir que a posición do seu partido sobre este plano B -a declaración da DUI- non a partilla a día de hoxe Duran i Lleida. Mais está convencido de que a formación democrata-cristiá irá evoluíndo na dirección de asumir a vía independentista ao constatar que o Estado non vai facer ningunha oferta a Catalunya.