Chamamento á desobediencia en Catalunya após impor o TSJC unha de cada catro aulas en español

[Imaxe: Somescola]

O Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya ditou cinco sentenzas en que esixe á dirección doutras tantas escolas que deixen de aplicar o modelo lingüístico da inmersión. 


Desobediencia. Foi o chamamento xeral realizado desde Somescola, Esquerra, Iniciativa per Catalunya e a CUP nas súas reaccións após coñecer as cinco sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza catalán en que insta á dirección de cinco escolas a abandonaren o modelo da inmersión lingüística na lingua propia para pasar a impartir en español o 25% das horas lectivas, é dicir, unha de cada catro. 

As devanditas organizacións acordaron exixir á Generalitat que defenda os dereitos lingüísticos fronte ao que consideran un "ataque" con rango xudicial. As cinco resolucións, inéditas até o de agora, impoñen por vez primeira unha cota a respeito do uso das linguas nas aulas e obrigan a "garantir un uso mínimo do castelán". De acataren as sentenzas, os cinco centros deberán impartir en español polo menos unha materia troncal. 

Somescola: ''O TSJC non ten capacidade pedagóxica''

Así as cousas, a coordenadora de organizacións en defensa dunha escola en catalán, Somescola, emitiu un comunicado en que rexeita as resolucións, emitidas en resposta ás queixas de familias cuxas crianzas estudan nos colexios afectados.

O colectivo reclama que a Generalitat continue a blindar o modelo da inmersión e recorda que o modelo lingüístico non debe fixarse por imperativo xudicial senón a través do Parlamento catalán. Subliñan que corresponde ao departamento de Ensino nesta institución a quen corresponde distribuír horarios lectivos e asignar as porcentaxes de uso das linguas porque "non é o TSJC quen ten esa capacidade pedagóxica nen esa función organizativa". 

CUP alerta da ''ofensiva españolizadora'' nos Països Catalans

O mesmo chamamento a desobedecer saíu de Iniciativa, Esquerra e a CUP. A coordenadora nacional de ICV, Dolors Camat, pediu que o goberno manteña a actual política lingüística no ensino independentemente do que diga o TSJC. Anna Simó, voceira de Esquerra, animou a chegar até o Tribunal Constitucional para defender que o marco legal en Catalunya garante a competenza en catalán e castelán sen discriminar o alumnado nin segregar. Aliás, tildou de "absolutamente inxusto" que "o desexo dunha minoría queira pasar por riba das leis". 

Por derradeiro, a deputada da CUP Isabel Vallet alertou dunha "ofensiva españolizadora" nos Països Cataláns e en todos os eidos. Sinalou como exemplos a LOMCE, o decreto do trilingüísmo nas Illes Balears, o peche da radio-televisión valenciá ou a lei de símbolos catalana e cualificou de "imprescindíbeis" a descobediencia popular e institucional "para non sermos destruídos como pobo".