Comeza a semana do 9N

9nvotar

Continúa o proceso para facer posíbel a consulta do domingo, se ben coa mirada de esguello na decisión do TC.

 

Recta final para a consulta do 9N. A data fixada hai xa varios meses, canda as preguntas a realizar, polo bloque parlamentar partidario do dereito a decidir, amplamente maioritario. Son estas -data e pregunta- apenas as cousas que non cambiaron nestes meses. Xa non vai ser unha consulta como se deseñara daquela porén un ‘proceso participativo’ ou ‘referendo alternativo’. A suspensión do Tribunal Constitucional obrigou a Artur Mas a manobrar e cambiar algunhas das cuestións acordadas con CiU, ERC, CUP e IC-V. Como recoñecía nunha entrevista en Sermos Galiza Eduard López (ERC), iso provocou nun primeiro momento “que quebrase a unidade que facía posíbel o compromiso. Mais, en vista do día 9, isto recuperouse máis ou menos”.

Faltan apenas seis días para o domingo. Os preparativos seguen a súa marcha mentres a maioría das miradas están postas no Tribunal Constitucional. Suspenderá máis unha vez a consulta do 9N, tal e como lle pide o goberno español? Poucos dubidan que así será malia escasa base xurídica para facelo, indican medios cataláns. De así ser, os medios catalán apontan a que a Generalitat convocará o Pact Nacional pel Dret de Decidir. Sobre a mesa, a pregunta chave: manterase a votación?

Quen asume a responsabilidade?

Joan Rigol, presidente do PNDD, xa afirmou que de se suspender a votación o Pact estaría disposto a asumir calisquer responsabilidade. E incidiu en que é a cidadanía quen ten as “rendas do proceso na man a través dos voluntarios”. Mais para Carme Forcadell, presidenta da Assemblea Nacional Catalana, a organización da consulta ten que ser feira pola Generalitat, aínda que haxa consulta. “Ten que ser convocada polo goberno”, engadiu nunha entrevista recollida en Vilaweb, e limitaba o papel do soberanismo cidadá organizado a apoiar.

Mantéñense os preparativos

Por volta de 41.000 persoas xa se rexistraron para participar como voluntarias na consulta do 9N. (O goberno calculaba en 20.000 as necesarias para facer o proceso) O dispositivo de votación consta de 6.695 mesas repartidas en 1.317 colexios de 942 concellos dos 947 existentes en Catalunya.

Non hai censo previo. O rexistro para votar farase no mesmo día (9n), antes de depositar o voto. A Generalitat calcula que poderán votar por volta de 5,4 millóns de persoas. Para votar hai que presentar o Documento de Identidade (DI), o pasaporte e comprobante de empadroamento para cidadáns comunitarios e a Tarxeta de Estranxeiría para extra-comunitarios. Non hai voto anticipado.

O escrutinio farase a noite do 9N e os resultados daranse a coñecer o 10, segunda feira.