O Concello de Barcelona premia o documentario 'Ciutat Morta'
O consistorio, parte implicada no caso embora non no proceso xudicial, galardoa o filme. "Non podemos facer nada", din desde o goberno local.
No día en que se cumpren 10 anos dos acontecementos que motivaron o coñecido como 'caso 4F', o Concello de Barcelona vén de dar a coñecer que o documentario Ciutat Morta foi o galardoado co premio Ciutat de Barcelona.
A decisión --adoptada por un xuri independente-- vén atizar o lume da controversia pola implicación do govern municipal no caso. Cumpre lembrar que a Garda urbana depende do concello. Aliás, o documentario dirixido por Xapo Ortega e Xavier Artigas cuestiona a versión oficial defendida desde o consistorio ao tempo que visa evidenciar a falta de garantías do proceso xudicial durante o que foron denunciadas torturas por parte das persoas procesadas.
Porén, o goberno de Barcelona tamén amosou -aínda que de maneira lene- a súa disconformidade co resultado do premio.
O xuri premia o documentario recoñecendo o "exerccio de liberdade de expresión"
Neste senso, aseguraron segundo recolle o xornal catalán La Vanguardia que "non podemos facer nada" pois "é un xurado independente" o que concede o galardón. Un colaborador do rexedor Xavier Trias sinalou que coidan "moi inoportuno" premiar Ciutat Morta.
Así as cousas, desde o xuri do Premio Ciutat de Barcelona sinalan que a decisión visa recoñecer o "exercicio de liberdade de expresión através dun cinema de denuncia indispensábel en calquera sociedade".