Cospedal, sen apoios para a súa proposta de coligazón constitucionalista en Catalunya

María Dolores Cospedal

A dirixente do PP fixo un chamamento a C's, PSC, Unió e UpyD para “enfrontarse xuntos” ao soberanismo, pero as forzas interpeladas non responderon de xeito afirmativo á proposta, que desvela a preocupación da dereita española.

A secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal, ofreceu este venres formar unha "gran coalición" a C's, UPyD, UDC e PSC para opoñerse e construír unha alternativa ao desexo soberanista que ten agora mesmo a maioría tanto electoral como social en Catalunya.

"Non é o momento de frontes, senón de pontes" , di o PSC; Unió lembra que está a favor da consulta

"Temos que defender a todos aqueles que pensamos que podemos ser cataláns e españois porque iso fainos máis grandes. Entre todos podemos ofrecerlles aos cataláns un goberno que é o que os cataláns necesitan", afirmou na apertura da conferencia política do PP catalán, nunha manobra que proba a grande preocupación que existe na dereita española ante a magnitude da aposta da sociedade catalá polo dereito a decidir, que volverá reflectirse este 11 de setembro, con outra multitudinaria Diada.

Porén, a luva que lanzou Cospedal non foi recollida. Malia que Ciudadanos ou UpyD amosaron certa sintonía de fondo coa idea, rexeitaron polo de agora participar desa idea aínda que teimando no diálogo co Goberno español de Rajoy. Pola súa parte, Unió -malia non estar coa independencia- negouse xa que di apoiar a consulta do 9 de novembro. Por parte do PSC, aseguraron que “é o momento de tender pontes, non crear frontes”.